Na presentación déronse a coñecer o Camiño Portugués tradicional, o Camiño Portugués pola Costa, a Vía da Prata, a Ruta de Inverno, a Ruta do Mar de Arousa e a Ruta do Padre Sarmiento e a variada oferta turística que complementa cada ruta.
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto ao deputado de Turismo, Santos Héctor Rodríguez, e alcaldes e representantes dos concellos de Barro, Cuntis e Portas, deu a coñecer esta mañá na segunda edición da feira "Fairway" a campaña "Cruzando camiños", as seis rutas cara Compostela que transcorren polas Rías Baixas, ante un grupo de touroperadores e prensa especializada en turismo. A presentación, na que Silva estivo acompañada de dous peregrinos, completouse con música e vídeos que deron a coñecer a variada oferta turística que completa as seis rutas cara Compostela: o Camiño Portugués tradicional, o Camiño Portugués da Costa, a Vía da Prata, a Ruta de Inverno, a Ruta do Mar de Arousa e a Ruta do Padre Sarmiento.
Carmela Silva, antes de comezar a describir cada unha das rutas que atravesan a provincia de Pontevedra, destacou que "nas Rías Baixas temos os camiños máis especiais, ata seis, que atravesan un territorio espectacular, con grandes paisaxes, unha natureza impresionante, praias idílicas, conxuntos históricos, pazos, igrexas e unha deliciosa gastronomía, con grande riqueza cultural, festas e unha lingua propia: o galego". De feito, as seis rutas cara Compostela (o Camiño Portugués tradicional, o Camiño pola Costa, a Vía da Prata, a Ruta de Inverno, a Ruta do Mar de Arousa e a Ruta do Padre Sarmiento) atravesan os concellos da Guarda, O Rosal, Oia, Baiona, Nigrán, Vigo, Redondela, Soutomaior, Tui, Porriño, Mos, Vilaboa, Pontevedra, Poio, Sanxenxo, Meaño, O Grove, Meis, Cambados, Ribadumia, Vilanova, A Illa de Arousa, Vilagarcía, Catoira, Barro, Portas, Caldas, Valga, Pontecesures, Lalín, Dozón, Rodeiro e Silleda, dando boa mostra da ampla oferta turística do destino Rías Baixas.
O Camiño Portugués tradicional e o Camiño pola costa foron as primeiras rutas sobre as que falou Carmela Silva e os seus acompañantes peregrinos. Sobre o Camiño Portugués tradicional (percorre os concellos de Tui, O Porriño, Mos, Redondela, Soutomaior, Vilaboa, Pontevedra, Barro, Portas, Caldas de Reis, Catoira, Valga e Pontecesures) Silva destacou a súa "historia e natureza. Historia como o maxestuoso Castelo de Soutomaior, testemuña de episodios de grande transcendencia, e natureza con bosques, marismas, ríos e fervenzas". Tamén se detivo Silva a falar das augas termais, da gastronomía e do viño, "recoñecido en todo o mundo e con Cambados como Cidade Europea do Viño 2017".
Sobre o Camiño da Costa (atravesa A Guarda, O Rosal, Oia, Baiona, Nigrán, Vigo ata entroncar co tradicional en Redondela), ao que a presidenta da Deputación de Pontevedra cualificou como "un auténtico luxo ao lado do mar", destacou o percorrido a carón de "acantilados, faros, vilas mariñeiras, illas e praias". Tamén fixo mención a Santa Trega, "o poboado castrexo máis importante de Galicia", ao Río Miño, ás Illas Cíes, "coa praia de Rodas, a mellor do mundo para o diario The Guardian", a Vigo, "co porto pesqueiro máis importante de Europa", a Rande, "escendario dunha batalla naval épica" e a San Simón, "que acolle un dos nosos Rías Baixas Fests".
Carmela Silva tamén se detivo na Vía da Prata (Dozón, Lalín e Silleda) e o Camiño de Inverno (Rodeiro, Lalín e Silleda), que percorren a comarca do Deza, e destacou as súas "xoias do patrimonio" como o Mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro en Silleda ou o Pazo de Oca na Estrada, a riqueza natural, con bosques, fragas e a fervenza do Toxa en Silleda, "a máis alta de Galicia", rutas de sendeirismo e tradicións centenarias como a Rapa das Bestas.
Pola súa banda, a presidenta da Deputación de Pontevedra rematou facendo fincapé na Ruta do Mar de Arousa e Río Ulla (Meaño, O Grove, Meis, Cambados, A Illa, Vilanova, Vilagarcía, Catoira, Valga e Pontecesures) e na Ruta do Padre Sarmiento (Poio, Sanxenxo, O Grove,Cambados, Vilanova, A Illa de Arousa, Vilagarcía, Catoira, Valga e Pontecesures), que atravesan a comarca do Salnés. No caso da primeira delas, Silva destacou que "sigue en barco de porto en porto as últimas millas da barca que transportaba os restos mortais do Apóstolo Santiago" e a Ruta do Padre Sarmiento rodea a península do Salnés desde Pontevedra, "cruzando lugares de grande beleza".
A presentación da campaña "Cruzando Camiños" rematou cunha interpretación musical a cargo dos figurantes peregrinos que formaron parte activa do evento.
A Deputación de Pontevedra está a desenvolver un papel activo na segunda edición da feira "Fairway". Así, xunto á presentación de "Cruzando Camiños", a institución provincial conta cun stand promocional. Amais, a provincia de Pontevedra acolleu durante a pasada fin de semana un "famtrip" protagonizado por un grupo de vinte xornalistas e touroperadores invitados á feira e participará mañá nunha mesa de debate sobre o Camiño Portugués.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.