Somos Cambados participa nunha xuntanza no Parlamento de Galicia co voceiro de En Marea e os responsables de medio rural, emerxencias e medio ambiente, co obxectivo de coordinar o traballo a realizar logo da tráxica vaga de lumes que asolou Galiza
Galicia con miles de hectáreas queimadas e lamentando catro vítimas mortais -dúas mulleres perderon a vida en Nigrán, un home faleceu en Carballeda de Avia e outro home morreu en Vigo- acaba de padecer a maior catástrofe natural que ten sufrido a súa superficie forestal nos últimos anos.
A vaga de lumes estendeuse de norte a sur e de este a oeste do país: San Cristovo de Cea, Baños de Molgas, Chandrexa de Queixa, Montederramo, Manzaneda, Carballeda de Avia, e ata 23 concellos en Ourense; a reserva da biosfera de Os Ancares, Cervantes, Monforte, Pantón e Friol e ata 30 concellos en Lugo; Ponteareas, Pazos de Borbén, Redondela, Salceda de Caselas, Nigrán, Vigo, Pazos de Borbén, Salvaterra, Soutomaior, Mondariz, Gondomar, Baiona e As Neves, Ponteareas, Ponte Caldelas ou Mos entre outros en Pontevedra; así como Boiro, Neda ou Negreira como exemplos de lumes na provincia de A Coruña.
Ademais por mor dos lumes, deberon ser cortadas a autovía A-52, a nacional 525 , a VG-20, a AG-57, a PO- 250 e os túneles de O Folgoso.
A veciñanza dos múltiples concellos afectados coinciden en denunciar a falta de medios de extinción coas lapas nas portas das casas e non comprenden como a Xunta cesou no seu contrato a traballadores e traballadoras dos SPDCIF xusto cando as condicións atmosféricas indicaban a proximidade do furacán Ophelia, había unha humidade relativa inferior ao 30 % e as temperaturas superaban os 30 grados. Condicións ideais para que os incendios sexan practicamente incontrolables.
Aínda non hai un balance provisional de danos: casas destruídas, coches queimados, maquinaria agrícola destruída, animais domésticos mortos, viñas e diversas plantacións inservibles e decenas de persoas sen emprego. Pero o dano esténdese á paisaxe, ao aire que respiramos, á auga que bebemos, á caza, á pesca, á cultura, á etnografía, ao turismo rural…, unha perda económica, ecolóxica e social
Persoas falecidas, familias desaloxadas, innumerábeis lugares afectados polos incendios, moitos deles Espazos naturais protexidos, Parques naturais, Reservas da Biosfera, ecosistemas de gran valor económico e medioambiental calcinados por falta de medios tanto materiais como humanos, e non tivemos máis desgrazas persoais e máis perdas materiais grazas a profesionalidade e a implicación das traballadoras e traballadores que integran os distintos colectivos forestais e a implicación da sociedade civil.
As perdas de vidas humanas, os custes económicos, ecolóxicos e sociais que os lumes producen nos nosos montes xeran a indignación da sociedade galega. Esta indignación debe producir unha reacción por parte da Xunta de Galicia, levando a cabo políticas de protección dos espazos e de reordenación do espazo agroforestal galego.
O Sindicato Labrego, a Organización Galega de Comunidades de Montes, Frouma, Amigos da Terra e a Federación Ecoloxista Galega abandonaron no mes de xuño o Consello Forestal de Galicia polas continuas prácticas de entorpecemento á súa participación e en concreto pola presentación en rolda de prensa do Plan de Defensa contra Incendios (Pladiga 2017), antes de que este fora coñecido polas organizacións que participan no Consello Forestal.
Reunión no Parlamento de Galicia co voceiro de En Marea
Ás 17:00h está programada unha xuntanza co voceiro de En Marea e os responsables de medio rural , emerxencias e medio ambiente, co obxectivo de coordinar o traballo a realizar logo da tráxica vaga de lumes que asolou Galiza e na que van participar varias mareas municipais.
Somos Cambados vai participar nesta reunión para abordar este tema, xa que consideramos que é preciso poñernos a traballar o antes posible.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.