A Asociación Esperanza Salnés que atende na súa sede de Cambados a nenas e nenos con diversidade funcional de toda a comarca do Salnés será a destinataria de 14 dos 40 mil euros en axudas benéfico-asistenciais que reparte este ano o Concello de Cambados. Cabe lembrar que co novo goberno municipal Esperanza Salnés case duplicou en dous anos os 7500 euros que lle daba o anterior goberno do Partido Popular, quen, en cambio, segue a dicir nos plenos da corporación e ante a prensa que o novo goberno ten abandonada a Esperanza Salnés. Algo que evidentemente os números desmenten claramente.
A Concellería de Servizos Sociais, dirixida por Tino Cordal, levará mañá á Xunta de Goberno Local a proposta de distribución dos importes das axudas benéfico-asistenciais. Ademais de Esperanza Salnés, tamén verán incrementada a axuda por parte do Concello entidades como a Asociación Española contra o Cancro (de 1900 a 3600) e a Asociación Lar Pro-Saúde Mental, que pasa de recibir 1000 a 3000 euros. Outras institucións como a Fundación Amigos de Galicia (de 5000 a 6000), o Banco de Alimentos Rías Baixas (de 1800 a 2500) ou o Asilo das Hermanitas dos Anciáns Desamparados (de 5000 a 5600 euros) tamén recibirán máis axuda do Concello de Cambados.
Cáritas Parroquial de Cambados (1900), a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer (1500), Down Xuntos (1000) e a Asociación de Parkinson de Pontevedra (1000) son outras das asociacións sen ánimo de lucro destinatarias das axudas do Concello de Cambados.
En relación á motivación que xustifica a concesión das Subvencións Benéfico Asistenciais por parte dos Servizos Sociais do Concello de Cambados, destácanse os seguintes aspectos:
– Tódalas asociacións que presentan a solicitude son entidades sen ánimo de lucro.
– As que NON desempeñan as súas actividades no termo municipal do Concello de Cambados, e o fan polo tanto fóra deste termo municipal, suplen as atribucións que a este Concello lle corresponde para atender a cidadáns deste municipio e minimizar a marxinalidade e a discriminación social desempeñando actividades fundamentais para os nosos cidadáns .
– As que están rexistradas a nivel estatal ou autonómico, desenvolven as súas actividades dentro do noso termo municipal, paliando diversas dificultades: económicas, psicolóxicas, e adicándose tamén a importante tarefa dos coidados paliativos cos nosos enfermos terminais e proporcionando incluso aloxamento en casos de hospitalización necesaria fóra da nosa provincia, suplindo as carencias naquelas persoas que por mor da crise non posúen nin traballo nin ingresos suficientes, suministrándolles mensualmente alimentos de primeira necesidade todas elas de vital importancia.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.