TELÉFONOS DE INTERESE

28 de octubre de 2017

O PROXECTO "EMPRENDEMAR" DO CONCELLO E CONFRARÍA GAÑADOR DO PREMIO ECONOMÍA AZUL















A conselleira do Mar, Rosa Quintana, agradeceu onte a participación da cidadanía na elección dos proxectos dos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALPs) gañadores da primeira edición dos premios Economía Azul, que recoñecen as mellores iniciativas sustentables nas zonas costeiras de Galicia. Un proceso, sinalou a conselleira, que contou con 7.050 votos das persoas que participaron na votación pública a través da páxina web https://galp.xunta.gal/.

A conselleira do Mar realizou este recoñecemento no marco do acto de entrega destes premios, celebrado na Cidade da Cultura e que tamén contou coa presenza da directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez Carballo; da directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, da representante da Rede Europea das Zonas de Pesca (FARNET), Lorena Van de Kolk e de representantes e membros dos oito grupos de acción local pesqueira de Galicia.
As iniciativas que resultaron gañadoras destes premios foron, no eido de apoio á pesca costeira artesanal, o proxecto de cooperación entre os GALP de Arousa, Pontevedra e Vigo para a ‘Mellora da Gobernanza da Xestión Pesqueira Artesanal no ámbito do Parque Nacional Illas Atlánticas’. No ámbito de creación de emprego, a iniciativa gañadora foi Empendemar, do GALP Ría de Arousa; no de diversificación, o proxecto elixido foi Lonxanatur, tamén do GALP Ría de Arousa, e, no ámbito de innovación local, o premiado foi o proxecto Xestión das algas recollidas nas accións de limpeza e mantemento dos bancos marisqueiros, do GALP Ría de Vigo-A Guarda.
Durante o acto a conselleira agradeceu o labor los grupos que desenvolven este tipo de proxectos de dinamización das zonas costeiras e felicitou aos gañadores polo seu recoñecemento. Ademais, en relación ao traballo xeral dos GALP, lembrou que “no que vai de período 2016-2017 temos un total de 210 proxectos aprobados, que supuxeron máis de 13,4 millóns de euros apoio público e que mobilizaron máis de 17,2 millóns de euros de investimento total”. Unhas iniciativas, subliñou, a titular de Mar que neste tempo e ao abeiro das dúas convocatorias de axudas realizadas permitiron xerar 190 empregos a tempo completo e 87 negocios.
Grazas ao traballo destes grupos, puntualizou a titular de Mar, Galicia conseguiu reforzar o papel dos pescadores na gobernanza local, apoiar a creación de empresas nas zonas e contribuír ao aumento do emprego, estimulando a economía da zona. Tamén conseguiu apoiar a formación e a capacitación, promover o emprendemento e fomentar o aumento do valor engadido dos produtos pesqueiros.
Outro dos aspectos que se acadou a través dos GALPs e que citou a conselleira é a mobilización do colectivo feminino, apoiando a súa formación e reforzando a súa participación efectiva a través do asociacionismo. A este tamén se suman o de diversificar as actividades do sector cara ao turismo, promover as relacións entre o sector e a comunidade investigadora e apoiar a innovación local nas empresas de economía marítima, entre outras actuacións.
Este traballo, lembrou a titular de Mar, súmase ao realizado polos antigos grupos de acción costeira, do programa financieiro europeo anterior e a través dos cales se crearon máis de 250 postos de traballo. Destes grupos aprobáronse máis de 400 proxectos por un importe total de máis de 23 millóns de euros.
De cara ao futuro, e para “aproveitar todos os recursos que nos dá o mar”, Rosa Quintana apelou a fortalecer o papel dos GALPs no marco da futura política pesqueira, “dotándoos de máis recursos que lles permitan continuar e mellorar o seu traballo e potenciar a cooperación interterritorial e transnacional”. Neste sentido, fixo fincapé na importancia da continuidade do programa de financiamento europeo para a política pesqueira e o desenvolvemento das comunidades costeiras. Ademais, a titular de Mar apelou a seguir avanzando tendo como exemplo aos gañadores dos premios Economía Azul.

Os premios Economía Azul

Os Premios Economía Azul están promovidos pola Consellería do Mar, a través da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, e teñen como obxectivo visibilizar o traballo dos GALPs nas zonas pesqueiras para motivar a potenciais persoas promotoras a que presenten proxectos ao abeiro das EDLP dos GALP.
Os finalistas que optaban ao galardón foron seleccionados pola Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, que escolleu 3 proxectos por cada categoría entre as propostas presentadas polos GALPs. Os criterios desta selección estiveron determinados polos beneficios que os proxectos son capaces de xerar para o sector pesqueiro; a súa contribución á creación de emprego nas zonas pesqueiras; o reforzo da identidade, a cultura e o patrimonio local da zona pesqueira; os elementos innovadores no contexto local; e a creación de oportunidades para mulleres e mozas/os no sector pesqueiro ou marítimo.
Ademais, para a elección dos proxectos gañadores, houbo unha votación pública na que participou a cidadanía a través da web https://galp.xunta.gal/. Os galardóns non teñen dotación económica, pero supoñen un recoñecemento público para os proxectos destacados en cada unha das categorías.

Os proxectos gañadores desta primeira edición dos Premios da Economía Azul foron:
Mellor proxecto de Apoio á pesca costeira artesanal:
Proxecto de cooperación entre os GALP de Arousa, Pontevedra e Vigo para a ‘Mellora da Gobernanza da Xestión Pesqueira Artesanal no ámbito do Parque Nacional Illas Atlánticas’.
Promovido por cinco confrarías de pescadores (Aguiño, O Grove, Portonovo, Bueu e Cangas) de diferentes GALPs (Arousa, Pontevedra e Vigo) e encamiñado a mellorar a gobernanza a través de procesos participativos e de colaboración entre o propio sector e o Organismo Autónomo do Parque Nacional. O obxectivo principal é destacar o papel dos pescadores artesanais como custodios do medio mariño e manter os empregos. Ademais, permitirá a conservación do medio no que se desenvolven as pesquerías tradicionais nas augas do parque nacional, así como o mantemento do acervo cultural tradicional pesqueiro e marisqueiro no ámbito das tres rías, favorecendo o relevo xeracional e a mellora da calidade de vida das familias pescadoras e da contorna no que se enmarca o proxecto.
Mellor proxecto de creación de emprego:
Proxecto Empendemar (GALP Ría de Arousa).
Desenvolvido polo concello e a confraría de Cambados co obxectivo de promover a diversificación da economía pesqueira apoiando a profesionalización e desenvolvemento de iniciativas de autoemprego neste eido, dirixíndose sobre todo á poboación xuvenil e ao colectivo feminino, ofrecéndolles formación, mentorización e un viveiro de empresas onde comezar a súa actividade.
Mellor proxecto de diversificación:
Lonxanatur (GALP Ría de Arousa).
Promovido desde a confraría do Grove, persegue a diversificación cara o turismo e a posta en valor dos produtos pesqueiros aproveitando a gran cantidade de turistas na localidade para ofertarlles unha ‘Lonxa visitable’.
Para isto, acondicionaron a lonxa existente de forma que a parte superior sirva de escaparate para que as persoas visitantes poidan coñecer o traballo na lonxa sen dificultar o proceso de comercialización. Tamén pretenden realizar ciclos divulgativos: ‘Os produtos do Mar’. ‘Os oficios do mar e o papel da Muller’ e ‘Diversifica Mar’. Estas actividades van a contribuír a dar a coñecer as artes de pesca, a cultura mariñeira e os recursos da ría mediante ciclos formativos. Ademais, porase en valor o papel da muller no mundo do mar, e promoverase a concienciación medioambiental.
Mellor Proxecto de Innovación local
Xestión das algas recollidas nas accións de limpeza e mantemento dos bancos marisqueiros, (GALP Ría de Vigo-A Guarda).
A confraría e o concello de Vilaboa poñen en marcha este proxecto que consiste en limpar de algas os bancos marisqueiros do litoral de Vilaboa, facilitando o traballo das mariscadoras e minimizando un posible problema de saúde e contaminación ambiental producida por non tratar os acopios de algas. O Concello poderá utilizar o compost final obtido como emenda orgánica do solo en parques e xardíns. Tamén os veciños e veciñas terán acceso a ese material para usalo nas hortas.







No hay comentarios:

Publicar un comentario

NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.