O Xulgado de Instrución número 7 de Vigo ditou unha providencia na que dá conta da petición de Rafael Louzán de declarar como investigado na chamada 'Operación Patos', e citouno para o próximo 1 de marzo ás 10,00 horas,
O expresidente da Deputación de Pontevedra, e actual presidente da Federación Galega de Fútbol, remitiu hai unha semana un escrito ao xulgado no que solicitaba ser citado para declarar, un ano despois de comparecer ante a xuíza e acollerse ao seu dereito para gardar silencio (mesma estratexia que utilizou no caso dos alugueres nos Xulgados de Cambados e que finalmente o sentarán no banquiño).
Louzán é un dos investigados nesta causa, na que se investigan supostas irregularidades na adxudicación de obras e contratos públicos. Tamén son investigados o dono da construtora Eiriña; traballadores de Cespa; funcionarios de varias administracións; concelleiros do PP e do PSOE de Vigo; o alcalde vigués, Abel Caballero; ou a exdelegada da Xunta, María José Bravo Bosch, entre outros.
No caso de Louzán, investígase a súa participación en supostas irregularidades en contratos de obras de varios campos de fútbol, obras de saneamento e abastecemento en varias localidades da provincia de Pontevedra, a reforma dun centro social e outras actuacións. Tamén se lle atribúe a suposta recepción de agasallos da empresa Eiriña.
COMPARECENCIA ANTERIOR
O pasado 17 de febreiro de 2016, o expresidente da Deputación compareceu ante a xuíza pero, nese momento, acolleuse ao seu dereito a non declarar, alegando que prefería esperar a que se resolvesen as peticións de nulidade presentadas por algunhas das partes. En todo caso, á súa saída dos xulgados de Vigo, Rafael Louzán proclamou a súa inocencia, e insistiu en que non ten "nada que ocultar". Con respecto ás obras investigadas, descargou toda a responsabilidade no "extraordinario equipo de funcionarios" da Deputación, que son os que "tramitan" as actuacións.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.