TELÉFONOS DE INTERESE

9 de noviembre de 2016

TONELADA E MEDIA DE PEIXE E APARELLOS REQUISADOS POR GARDACOSTAS











Axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia, dependente da Consellería do Mar, requisaron máis de máis de 1.450 quilos de peixe e marisco e 272 aparellos de pesca en diferentes operativos realizados na última semana polo litoral galego. Os inspectores da Xunta tamén se fixeron con 150 metros de artes de enmalle. Na última semana os axentes de Gardacostas intensificaron os labores de inspección co fin de evitar a extracción ilegal de centola, xa que o vindeiro domingo 13 remata a veda deste crustáceo nas provincias de Pontevedra e da Coruña.
A ría de Arousa foi escenario de diversas actuacións de gardacostas nas que os axentes comisaron máis de 510 quilos de diversas especies e 104 aparellos de pesca. O operativo máis destacado tivo lugar nas zonas do Grove, Cambados, Meloxo e na enseada de San Xulián, onde os axentes se fixeron con 23 artes de pesca, a maioría viveiros, e con máis de 288 quilos de marisco, a maioría centola. A ría de Muros e Noia tamén foi escenario de diversas actuacións contra o furtivismo nas que os axentes comisaron máis de 4 quilos de polbo.


En Pontevedra os inspectores tamén estiveron vixiantes contra a extracción ilegal. Alí realizaron varios controis nos que se aprehenderon de máis de 150 quilos de especies e 106 aparellos. O máis destacado foi na Illa de Ons onde incautaron 100 nasas e 75 quilos de polbo. Na ría de Vigo tamén se realizou un operativo contra a pesca ilegal que se saldou co comiso de 10 quilos de croque.
Na Mariña de Lugo os inspectores levaron a cabo operacións que resultaron co comiso de 464 quilos de diversas especies. A actuación máis relevante foi na zona de Nois, en Foz, onde os gardacostas comisaron 440 quilos de ourizo.
En Ferrol, nos pantaláns de Mugardos e A Gándara, os axentes desenvolveron un operativo no que comisaron máis de 88 quilos de marisco. Na Coruña tamén fixeron operacións contra a pesca ilegal que resultaron co comiso de máis de 4 quilos de especies, 11 aparellos e 150 metros de artes de enmalle. Nunha levada a cabo en Lorbé, os inspectores comisaron máis de 4 quilos de centola e nécora e 5 nasas.
Ademais na Costa da Morte os axentes realizaron diversos operativos contra a pesca ilegal. Neles fixéronse con máis de 218 quilos de especies e 51 aparellos de pesca. A actuación máis relevante desenvolveuse en Camariñas, Camelle e Muxía e resultou co comiso 171 quilos de marisco, case todo nécora, e con 20 aparellos de pesca, a maioría nasas.
 




No hay comentarios:

Publicar un comentario

NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.