TELÉFONOS DE INTERESE

21 de mayo de 2015

"SOMOS CAMBADOS" ESTÁ CONTRA A PRÁCTICA DA "CARRETAXE" DE VOTOS







É unha práctica habitual de cada xornada electoral que os residentes no asilo de Cambados, moitos deles con graves limitacións físicas e psíquicas, sexan desprazados en furgonetas ao colexio electoral de San Tomé acompañados polas monxas que rexentan dita residencia e por varias persoas afiliadas ou simpatizantes do PP, como se pode comprobar en numerosos documentos gráficos. Nun deles, concretamente un vídeo gravado na xornada electoral do 21 de outubro de 2012, pódese apreciar con total claridade como os anciáns transportados desde o asilo traen o sobre co voto na man ou lles é entregado ás portas do colexio electoral polas persoas afíns ao Partido Popular de Cambados.

O artigo 5 da Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeral (LOREG) establece que “ninguén pode ser obrigado ou coaccionado baixo ningún pretexto no exercicio do seu dereito de sufraxio, nin a revelar o seu voto”, e o artigo 8.1 da LOREG sinala que “a Administración Electoral ten por finalidade garantir nos termos da presente Lei a transparencia e obxectividade do proceso electoral e do principio de igualdade”.

Para evitar estas prácticas antidemocráticas, SOMOS CAMBADOS solicitou esta mañá á Xunta Electoral de Zona que ordene a comprobación dos votos por correo emitidos polos residentes no asilo de Cambados, e que mediante inspección médica se comprobe se esas persoas están capacitadas para exercer o voto. Asimesmo, solicitou que se lle ordene aos responsables do asilo de Cambados a que, en caso de que os residentes non estean baixo a tutela legal das monxas xestoras de dita residencia, aporten a autorización dos seus titores legais para que poidan abandonar as instalacións e desprazarse a votar o próximo 24 de Maio.  


SOMOS CAMBADOS aposta por habilitar cantos recursos materiais e humanos sexan necesarios  para facilitar o máximo posible o dereito ao voto daquelas persoas con limitacións físicas co obxecto de que sexa exercido libremente e sen coaccións; ao tempo que rexeita a práctica da carretaxe de persoas, nomeadamente as de avanzada idade, que cada xornada electoral realiza o Partido Popular de Cambados por vulnerar os principios básicos da legalidade democrática e atentar contra a dignidade das persoas.

Por outra banda, Tino Cordal, candidato á alcaldía de SOMOS CAMBADOS, fai un chamamento “aos nosos maiores para que antes de emitir o seu voto reflexionen sobre o futuro laboral dos seus netos. A nosa prioridade será a creación de emprego para evitar que unha nova xeración de xóvenes teña que emigrar en busca dun traballo, como o fixeron os máis de 500 mozos e mozas cambadeses desde que goberna Aragunde”.  





No hay comentarios:

Publicar un comentario

NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.