TELÉFONOS DE INTERESE

11 de mayo de 2015

PROPOSTAS EN MATERIA DE MEDIO AMBIENTE I ECOLOXÍA





APOSTANDO POLA SUSTENTABILIDADE ECOLÓXICA E A XUSTIZA AMBIENTAL

Este fin de semana produciuse un feito que tristemente en Cambados resulta habitual polo lamentable funcionamento da rede de sumidoiros. Hai uns días escoitabamos a Aragunde nun medio de comunicación asegurando que a rede de sumidoiros funciona correctamente nun 99%, pero a realidade contradío cun novo episodio contaminante no Río Pequeno. Segundo veciños/as de Oubiña (que fixeron a pertinente denuncia), o pasado venres a auga deste regato era de cor branca e había numerosos peixes mortos flotando nela (achegamos foto dos peixes xa no fondo do río). As cousas mal feitas por un PP que está sempre máis preocupado de gañar eleccións que por outra cousa, deixa ao descuberto as precariedades das súas infraestructuras e as graves consecuencias que ten para o medio ambiente, nun concello onde os sectores produtivos e o turismo (tan sensibles a estas problemáticas), son os principais valedores da nosa economía. Está claro que a falta de sensibilidade do PP e, sobre todo, a súa incompetencia está a ser un lastre para o desenvolvemento económico de Cambados

Un dos obxectivos prioritarios do BNG é a preservación e protección do contorno e a posta en valor como soporte do desenvolvemento, moi especialmente do medio rural e do mar, sen esquecer o ambiente urbano. A calidade ambiental non é unha postura estética senón que é o cerne da supervivencia dos nosos sectores produtivos máis importantes: pesca e marisqueo, agro, turismo, comercio, hostalaría … Esta é a razón pola que entre as súas propostas de cara ás vindeiras eleccións municipais, o BNG incidirá nas  seguintes medidas medioambientais:

Mellora dos servizos de auga e saneamento
-Promover o aforro de auga e a reciclaxe para usos industriais, xardinería …
-Facer un estudo a fondo sobre os problemas da rede de saneamento e deseñar solucións: separar os vertidos pluviais dos fecais, impedir calquera tipo de vertido contaminante ao mar ou aos ríos, eliminar os cheiros …
-Completar o saneamento do río Umia e do Polígono Industrial.

Tratamento de residuos
-Promover a compostaxe para o tratamento da fracción orgánica: posta en marcha de campañas para a compostaxe doméstica e comunitaria, e aposta para implantar unha planta comarcal de compostaxe.
-Mellorar o sistema de recollida de lixo favorecendo a recollida selectiva, a reutilización e a reciclaxe.
-Deseñar un sistema integral de recollida para todo tipo de residuos especiais.
-Realizar campañas de sensibilización para fomentar a Redución, a Reutilización e a Reciclaxe dos residuos.
-Promover a utilización do Punto Limpo.

Enerxía
-Promover programas de aforro enerxético (combustibles e enerxía eléctrica): alumeado público, centros de ensino, instalacións municipais. Instalar enerxías renovables en edificios públicos.
-Promover o emprego de enerxías renovables entre a poboación
-Adoptar medidas para a promoción da bicicleta como medio de transporte: aparcadoiros, carrís biciamigables, etc.
-Favorecer o uso do transporte público e a mobilidade peonil.

Conservación ambiental
-Recuperación ambiental das canteiras abandonadas
-Eliminar os vertedoiros incontrolados nos montes e no litoral (obradoiro de emprego)
-Restauración e posta en valor do patrimonio natural e cultural, con medidas que melloren paisaxisticamente o entorno, plantación de pantallas vexetais e soterramento das liñas eléctricas, en costa de Tragobe, San Tomé e Castrelo, xunqueiras do Umia, montes do Castro e Sete Pías …
-Saneamento das marxes costeiras e fluviais conservando ou restaurando a vexetación natural.
-Defensa das masas forestais e facer traballos preventivos contra os incendios.
-Campañas de divulgación dos valores naturais: rutas, obradoiros...
- Elaborar un inventario do patrimonio natural: árbores, áreas a conservar, fauna …
-Paralización do proxecto de construción dunha comporta no Saco de Fefiñáns e ampliación das conexións co mar.
-Ampliación do Monte da Pastora. 

Loita contra o ruído
-Regular o tráfico.
-Control de actividades molestas.
-Favorecer o traslado de industrias a polígonos, creación de pantallas acústicas para redución do problema.

Relación cos animais
-Declaración de Cambados como zona libre de espectáculos con animais.

-Apoio á labor da Protectora de Animais.




No hay comentarios:

Publicar un comentario

NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.