Un total de 110 institucións, asociacións, entidades de distintos ámbitos representativos da sociedade galega asinaron cartas de apoio á candidatura de Cambados como Capital Europea do Viño 2014, designación que se vai decidir a mediados de novembro en Italia.
As cidades finalistas deste certame europeo son Cambados e Jerez de la Frontera, as cales presentaron senllos proxectos de actividades a desenvolver durante o periodo de un ano: o 2014. Nestes proxectos, vaise ter en conta de cara a consecución do título os apoios das distintas entidades que respaldan a cada candidatura.
No caso de Cambados asina o seu apoio a Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra e a Axencia Galega de Turismo, entre outras institucións. Pero nesa ampla listaxe figuran tamén os concellos, o consello regulador da DO Rías Baixas, os negocios de hostalería da comarca, adegas da nosa denominación de orixe, asociacións do ámbito cultural e deportivo, xunto con entidades representativas da sociedade galega que se volcaron coa candidatura de Cambados ata sumar un total de 110 cartas respaldándoa.
Actualmente, os expedientes presentados están sendo avaliados polo comité técnico da Rede de Cidades Europeas do Viño (Recevín) e o resultado desta deliberación darase a coñecer a mediados de novembro na actual Capital Europea do Viño: Marsala (Italia).
O goberno municipal amosa o seu convencemento de que o proxecto cambadés conta co atractivo e potencial abondo como para merecer a distinción de Capital Europea do Viño. Dende o Concello estímase que se traballou con ilusión e fixose un bo traballo, que en todo caso o papel de Cambados nesta convocatoria vai ser digno e beneficioso a efectos de facerse presentes na esfera internacional.
Ogallá a distinción veña para Cambados, pero sendo realistas a cousa é moi complicada.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.