As formacións Máis Galiza, Acción Galega e EcoGaleguistas
publicaron onte mércores a súa primeira proposta política conxunta de cara a
presentarse como nova alternativa no ámbito nacionalista.
As organizacións lanzaron unha proposta de bases e un decálogo no
que definen o novo proxecto, con clara "vocación de goberno" e que vai
"desde o centro progresista ata a esquerda renovadora,
galeguista/nacionalista e transformadora".
Nas bases, apostan por afastarse "das vellas receitas" e inciden
nos principios de galeguismo "político", "soberanismo cívico",
"progresismo inclusivo", "esquerda renovadora", "ecoloxismo político" e
"radicalidade democrática".
| Xaime da Pena (PGD), Guillermo Sánchez Fojo (TEGA), Carlos Vázquez Padín (CXXI), Alfredo Bea (PGD), Henrique Carvalho (APG) e Rosendo Covelo (PNG-PG) |
As organizacións critican a xestión política de PSOE e BNG, aos que
acusan de ser incapaces de visualizar "ante a cidadanía galega a
incompetencia do Goberno do PP".
Ademais, critican a estas dúas formacións por estar "máis
preocupadas de solucionar os seus problemas internos e a falta que teñen
uns e outros de líderes respectados e con recoñecemento social" que de
construír "unha alternativa de goberno crible".
No caso do BNG, consideran que "renunciou desde hai varios anos a
ser un instrumento útil para cambiar a realidade de Galicia",
converténdose nunha forza política "antisistema" sen "proxecto político e
organizativo crible".
Por outra banda, acusan a Núñez Feijóo de provocar que Galicia
estea a día de hoxe "peor que en 2009", por unha "nefasta xestión"
apoiada en argumentacións "baleiras" como "a austeridade e a eficacia na
xestión", que "ademais de ser enganosas, non significaron unha
mellora".
Entre outras iniciativas, apostan por que "se cambien as políticas
contra a crise, primando sobre o cumprimento dos obxectivos de déficit"
as políticas de gasto produtivo, social e en I+D+i.
![]() |
| Tino Cordal representante de +Galiza no Salnés |
Tamén critican as "grandes taras" na construción política da UE,
"xa que non conta con instrumentos políticos nin económicos que permitan
nin unha verdadeira participación e control democráticos nin,
consecuentemente, pór en marcha medidas en favor das maiorías sociais".
Apostan polo "máximo grao de descentralización" política para as
autonomías nas bases programáticas que publicaron hoxe, derivadas do
acordo alcanzado por estas formacións na reunión do pasado 15 de maio.
As correntes, que traballan na formulación dunha alternativa
política no ámbito do nacionalismo, inclúen no seu documento a
necesidade de abrir "de novo un debate que permita formular un modelo
territorial do Estado español no que todos nos poidamos sentir cómodos".
| Coloquio entre Encontro Irmandiño, Máis Galiza e Espazo Ecogaleguista |
Entre as propostas para este novo modelo, propugnan o "dereito das
distintas nacións que compoñen o Estado español a decidir que tipo de
relación queren manter co mesmo"; un "máximo grao de descentralización"
política, económica e fiscal e o recoñecemento "da pluralidade de
realidades nacionais, lingüísticas e culturais".

No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.