A Xunta concede obradoiros de emprego duais a Vilagarcía, Vilanova, O Grove, a Mancomunidade do Salnés e Caldas cun investimento de 1,7 M€
O delegado territorial, Luis López, acompañado do alcalde de Vilanova, Gonzalo Durán, anuncia a resolución nunha visita ao Pazo de Vista Real na que supervisou as actividades das iniciativas laborais da Xunta Vista Real VI e Mar de Santiago
Estes cinco obradoiros, que comezarán a súa actividade en outubro, formarán a cen persoas desempregadas, con vinte participantes cada un, durante os vindeiros nove meses e incluirán a posibilidade de prácticas en empresas ao remate da formación
“O emprego, xunto coa sanidade e a educación, son os tres grandes eixos da acción da Xunta e por iso imos investir 6,6 millóns en vinte novos obradoiros na provincia cun forte peso da comarca do Salnés”, explicou o representante autonómico
A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego e Igualdade, vén de conceder novos obradoiros de emprego de formato dual aos concellos de Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa, O Grove e Caldas de Reis e á Mancomunidade do Salnés cun investimento global de máis de 1,7 millóns de euros.
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, acompañado do alcalde vilanovés, Gonzalo Durán, anunciou esta mañá esta resolución nunha visita ao Pazo de Vista Real, onde supervisou as actividades formativas do obradoiro de emprego dual Vista Real VI, que está a piques de rematar, e da iniciativa laboral de garantía xuvenil Mar de Santiago, que vén de iniciarse hai poucas semanas.
Os obradoiros de emprego duais aprobados ao abeiro da convocatoria 2021/2022 son Forme 2021 para Vilagarcía de Arousa, que se centrará no Servizo de Axuda no Fogar e na Montaxe e Mantemento de Redes Eléctricas e Sistemas Domóticos; Vista Real VII para Vilanova de Arousa, que disporá dos módulos de Xardinaría e Xestión de Redes; A Lanzada IV no Grove, orientado á atención social aos colectivos desfavorecidos e á investigación gastronómica de produtos do mar; Os Camiños do Camiño II en Caldas de Reis, que seguirá coa recuperación paisaxística da antiga fervenza e da central eléctrica de Segade; e Hostalería do Salnés XIII para a Mancomunidade do Salnés, que proseguirá coa formación de profesionais de cociña e sala para o sector hostaleiro. Cada unha destas accións formativas contará cun orzamento de 347.000 euros.
A nova quenda de obradoiros, que comezará agora co seu proceso de selección para iniciar as actividades formativas no vindeiro mes de outubro, contará cun cento de participantes nas comarcas do Salnés e Caldas, a razón de vinte alumnos-traballadores en cada un deles.
Todos eles beneficiaranse dunha formación específica durante os próximos nove meses, realizando ademais traballos e servizos de interese xeral e público a prol da sociedade incluídos en cada proxecto por parte dos concellos promotores, e ademais poderán optar a prácticas en empresas da contorna ao remate do obradoiro.
“Damos cumprida resposta ao que pide a cidadanía agora que temos a vacinación tan avanzada e que a quinta onda da covid-19 vai quedando atrás. Ofertamos un programa de formación moderno, dual, orientado a xente sen traballo para mellorar a súa empregabilidade, posibilidades de futuro e inserción laboral, que ademais van recibir unha remuneración durante nove meses e que contribuirán ao beneficio de todos con obras públicas e atencións sociais”, concluíu o delegado territorial.

No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.