TELÉFONOS DE INTERESE

16 de marzo de 2020

239 CONTAXIADOS, 4 ALTAS E TERCEIRA VÍTIMA MORTAL ATA ESTE MEDIODÍA EN GALICIA


A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización de hoxe, o número de casos de coronavirus en Galicia ascende a 239 (50 máis nun so día), deles 80 son da área da Coruña, 16 da de Lugo, 28 da de Ourense, 26 da de Pontevedra, 46 da área de Vigo, 37 da de Santiago, e 6 da de Ferrol.
A nova vítima mortal parece ser o paciente 0 do coronavirus na comunidade e faleceu no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña. Foi o primeiro contaxio en Galicia e converteuse no terceiro falecido. O home tiña 49 anos, patoloxías previas e contaxiouse durante unha visita a Madrid para unha entrevista de traballo. A segunda morte foi a dun home de 81 anos con varias patoloxías, ingresado non Hospital Montecelo de Pontevedra, mentres que a primeira vítima mortal en Galicia tratouse dunha muller de 92 anos con múltiples patoloxías previas que se atopaba ingresada en Povisa.
Do total de pacientes positivos, 9 permanecen en UCI, 49 están en unidades de hospitalización e 181 no domicilio. Por outra banda, rexistráronxe xa as 4 primeiras altas de pacientes, no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña; e tres falecementos. O último dos éxitus rexistrouse no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña. Trátase dun varón, de 45 anos, e que tiña varias patoloxías previas.
O número de PCR realizadas é de 1.680.
Seguindo instruccións do protocolo de comunicación do Ministerio de Sanidade, a partir de hoxe só se actualizarán os datos unha vez ao día.
A Xunta continúa a traballar desde a máxima coordinación interdepartamental e co Ministerio de Sanidade, tamén mantendo o contacto con todos os axentes socioeconómicos de Galicia. Neste senso, Sanidade reitera que seguimos alerta actualizando todas as medidas e recomendacións e en vixilancia permanente.

Uso do 061 para casos graves e emerxencias, e o 900 400 116 para dúbidas

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.
Sinalar, ademais, que o Sergas ten a disposición da cidadanía unha páxina web (https://coronavirus.sergas.gal), na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.
Así mesmo, o departamento sanitario galego ten a disposición da poboación o teléfono 900 400 116, que vén de ser reforzado con máis persoal, para dar información xeral sobre o coronavirus. Neste número, pódense resolver todas as dúbidas dos cidadáns ao respecto e tamén consultar sintomatoloxía leve.

Recomendacións

Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volven reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do vírus común a calquera infección respiratoria, como a gripe. Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.


No hay comentarios:

Publicar un comentario

NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.