UN NOVO PRODUTO TURÍSTICO DA DEPUTACIÓN OFRECE 12 RUTAS UNHA DELAS POLO SALNÉS
Carmela Silva presenta un novo produto turístico para a provincia con 12 rutas temáticas que unen museos e gastronomía para espertar "Fame de experiencias"
"Este novo produto pretende situar aos museos como un dos axentes de promoción turística da provincia e unilos ás excelencias gastronómicas que temos para espertar moita fame de vir ata aquí e coñecer todas as experiencias que se poden vivir", manifestou Silva
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presentou esta mañá o novo produto turístico "Fame de experiencias. Saborea os seus museos, paséate pola súa gastronomía" que oferta 12 rutas temáticas con percorridos por museos, centros de interpretación e recursos patrimoniais das comarcas da provincia unidos á gastronomía e con propostas de restaurantes e aloxamentos. Carmela Silva asegurou que este novo produto, enmarcado na campaña "Fame de experiencias", "vai situar aos museos como un dos axentes de promoción turística da provincia e unilos ás excelencias gastronómicas que temos para espertar moita fame de vir ata aquí e coñecer todas as experiencias que se poden vivir".
En liñas xerais, o novo produto turístico para a provincia de Pontevedra ofrece doce rutas tematizadas con información detallada sobre museos, centros de interpretación, xacementos arqueolóxicos, elementos patrimoniais musealizados abertos á visita, así como lugares de interese paisaxística, produtos e eventos gastronómicos e establecementos de restauración e aloxamentos de cada unha das zonas polas que transcorre o percorrido. "Falamos de que moitos destes recursos, destes museos e centros de interpretación teñen unha estreita relación cos produtos gastronómicos e co viño, e cunha grande diversidade temática e estreita conexión co noso territorio", manifestou Silva.
As doce rutas que integran o produto turístico "Fame de experiencias. Saborea os seus museos, paséate pola súa gastronomía" son: "Terra de fronteiras, auga e historia" (comarca do Condado), "Puro Atlántico" (comarcas do Baixo Miño e Vigo), "Un mar de historias" (comarca de Vigo), "Arte e cidade" (comarca de Vigo), "O campo, un mundo de riquezas" (comarca de Tabeirós-Terra de Montes), "O sagrado na natureza e o control da paisaxe" (comarca do Baixo Miño), "Entre o mar e a terra" (comarca do Morrazo), "As historias dos mananciais" (comarca de Caldas), "Do mar e do viño" (comarca do Salnés), "Terra adentro" (comarca do Deza), "Un tesouro artístico" (comarca de Pontevedra) e "Viño e lamprea" (comarca da Paradanta).
Segundo manifestou a presidenta este novo produto turístico trátase dun paso máis na aposta do goberno provincial pola desestacionalización e internacionalización. "As doce rutas propostas poden ser desfrutadas ao longo do ano, pola riqueza e variedade cultural, natural e gastronómica de cada unha delas", asegurou a presidenta. En canto á internacionalización, Silva subliñou que o novo produto turístico "pretende reforzar, actualizar, mellorar e adaptar os museos e centros de interpretación a un público máis amplo, diverso e internacional". Neste contexto a presidenta detallou que "Fame de experiencias. Saborea os seus museos, paséate pola súa gastronomía" trátase dun "produto aberto, amplo e dinámico, para público nacional e internacional, para a mocidade, para persoas que viaxan soan ou en familia, que permitirá coñecer a provincia a través de doce propostas atractivas asociadas coa cultura, gastronomía, viño, paisaxe e natureza".
As doce rutas propostas que se integran neste novo produto turístico contarán cun espazo na páxina web de Turismo Rías Baixas. Ao mesmo tempo divulgaranse a través das redes sociais e de folletos individuais para cada unha das rutas que poderán atoparse tanto na web como nas oficinas de turismo.
Ruta Do mar e do viño
Comarca do Salnés (Sanxenxo, Meaño, O Grove, Cambados, Ribadumia, Meis, A Illa de Arousa, Vilanova e Vilagarcía)
Esta ruta ofrece a posibilidade de coñecer museos como o etnográfico e do viño de Cambados, o centro de interpretación da pesca e da salga e o Quinteiro de Temperán no Grove, o centro de interpretación da conserva na Illa, o centro de interpretación da muller labrega en Meaño, o centro de interpretación dos muíños en Meis, o centro de interpretación fluvial do río Umia en Ribadumia, o centro de interpretación das Telleiras en Sanxenxo, o centro de interpretación da Ría de Arousa en Vilagarcía e a Casa Museo Valle Inclán e Irmáns Camba en Vilanova. Tamén monumentos como Adro Vello no Grove, o Monte do Castro ou os muíños de Barrantes en Ribadumia, a área arqueolóxica daLanzada en Sanxenxo e Castro Alobre en Vilagarcía. E paisaxes como o complexo intermareal Umia-O Grove, a Illa da Toxa, a Ruta dos Pazos e a Illa de Cortegada e as ruínas da antiga fortaleza do Castelo de Lobeira.
Entre as propostas gastronómicas inclúe a festa do Albariño de Cambados, a Festa do Marisco do Grove, a festa dos produtos do mar da Illa de Arousa e a festa da cebola de Sanxenxo; produtos gastronómicos como o mexillón, a navalla e o rodaballo, as conservas e empanadas, os viños e augardentes e as verduras e hortalizas. En canto aos restaurantes recomenda Yayo Daporta, Culler de Pau, Restaurante Casa, La Taberna de Rotilio, Ribadomar, Pandemónium, A Casa de Miguel, La Portonovesa, Mar Divino Asador, restaurante Tío Benito, Bar Berberecho, Restaurante Carmen, adegas como Pazo de Señoráns, Paco y Lola, Martín Códax, Palacio de Fefiñanes, Terra de Asorei e casas de turismo rural como Casa da Muiñeira, Casa Mariñeira Louredes, Enoturismo Lagar de Costa, Casal de Folgueiras, a Casa dos Cancelos e Casa A Cachada.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.