TELÉFONOS DE INTERESE

18 de enero de 2019

O PORTO DE TRAGOVE É O QUE RECICLA MÁIS CANTIDADE DE ACEITES DE PONTEVEDRA

Portos de Galicia recolleu durante o pasado exercicio 850.000 quilos de aceites residuais a través do programa Marpol de recollida de hidrocarburos usados nos peiraos de titularidade autonómica. Así se recolle no informe presentado polos responsables deste servizo a través do que se recuperan e reciclan os aceites residuais que se verten nos portos para a súa reutilización.
Portos de Galicia atribúe o éxito da medida á colaboración e concienciación do sector profesional, ao que o ente público agradece a súa participación nesta iniciativa para a mellora colectiva. Nunha análise porto a porto, os peiraos nos que se recuperaron maiores cantidades de hidrocarburos foron A Pobra, con 230.000 quilos; Ribeira, con 140.000 quilos, e Burela, con 77.000 quilos. No caso da provincia de Lugo, o segundo porto con máis aceites recollidos foi o de Celeiro, con 74.000 quilos. En canto á provincia de Pontevedra, os peiraos con mellores resultados neste programa foron os de Tragove, con 14.000 quilos e Bueu, con 12.000.
Desde o ano 2012, Portos de Galicia ten renovado o servizo de recollida e tratamento de hidrocarburos, aceites usados e residuais, co que dá cumprimento ao convenio internacional Marpol, para o tratamento axeitado destes residuos. O servizo implica, por unha banda, a recollida directa nos buques dos produtos e, por outra, a instalación de contedores para recollida e almacenaxe temporal nos portos, baleirado dos mesmos, transporte á planta autorizada e preferentemente reciclaxe e valorización dos medios. Cando isto último non é posible procédese á súa eliminación. Este servizo reforza a prevención ambiental, ao tempo que se melloran as condicións dos usuarios do porto no uso das instalacións.
Ademais dos residuos líquidos, realízase tamén a recollida e tratamento do material relacionado, como filtros, envases, trapos, roupa, aparellos ou neumáticos. Finalmente, a empresa adxudicataria do servizo é tamén a encargada de realizar, a requerimento de Portos de Galicia, a limpeza da lámina de auga dos portos nos casos de vertidos de produtos contaminantes, calquera que sexa a causa.


No hay comentarios:

Publicar un comentario

NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.