CONCENTRACIÓNS NO SALNÉS CONTRA OS RECORTES NA SANIDADE
A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública convocou para este martes 29 de xaneiro concentracións simultaneas en todos os centros de saúde que conformaban a extinta área sanitaria do Salnés. As mobilizacións tiveron lugar ás 12,00 horas en Vilagarcía, Cambados, A Illa de Arousa, Vilanova, Ribadumia e Catoira.
Con esta mobilización a Plataforma do Salnés pretende chamar a atención da Xunta de Galicia "para que cesen os recortes" que tanto en persoal, como en camas e en orzamentos sofren, segundo asegura, os centros de saúde da comarca.
SITUACIÓN "INSUSTENTABLE" EN PRIMARIA
"Levamos moitos anos sufrindo recortes, marxinación e anunciando que estabamos nunha situación de grave risco pero esa situación chegou xa ao grao de insustentable, especialmente na Atención Primaria", manifestou a portavoz da plataforma, Rosa Casal, durante a presentación destas mobilizacións.
Os responsables da plataforma alertan acerca dos índices de temporalidade dos contratos e de que a persoais dos centros de saúde están baixo mínimos. "A este ritmo imos deixar de coñecer o que entendiamos como médico de familia", sinalan.
Por parte do colectivo en defensa da sanidade pública do Salnés incídese en que, "como mínimo", a comarca debería recuperar o persoal, as camas e os orzamentos que tiña antes de perder a cualificación de área sanitaria e converterse en distrito.
"Agora somos o segundo prato", sinala Rosa Casal, quen apuntou como exemplo ilustrativo desta situación o recente traslado dun pediatra do PAC de Cambados ou o dun anestesista do Hospital do Salnés a outros centros, sen que fosen substituídos.
AUTOBUSES A SANTIAGO
Ademais, a Plataforma en Defensa dá Sanidade Pública do Salnés, en colaboración cos concellos de Vilagarcía, Cambados, A Illa de Arousa, Ribadumia e Catoira, fretará autobuses para trasladar gratuitamente aos veciños da comarca que desexen acudir á manifestación contra os recortes na sanidade pública que terá lugar o domingo 10 de febreiro en Santiago de Compostela.
Así, a plataforma apunta que todo aquilo que viñeron anunciado en sucesivas mobilizacións e denuncias públicas "está a cumprirse na actualidade". É por iso, engaden, que realizan este chamamento á cidadanía do Salnés para que acuda á manifestación de Santiago e dea "un golpe na mesa e unha resposta contundente" ás políticas sanitarias da Xunta de Galicia. "Porque a saúde non é un negocio, é un dereito", concluíron. Imaxes: Arousa Sí Radio
No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.