TELÉFONOS DE INTERESE

23 de enero de 2019

AS FESTAS DO ALBARIÑO E DO MARISCO EN FITUR DA MAN DA DEPUTACIÓN



Tres estrelas Michelín acompañarán este xoves a Carmela Silva en FITUR no lanzamento da campaña "Fame de experiencias?"

A presidenta da Deputación, xunto a alcaldesas e alcaldes de todas as comarcas da provincia, participará na presentación na que as persoas produtoras serán protagonistas

Este xoves, 24 de xaneiro, ás 12.00 horas, o Pavillón 9 do IFEMA de Madrid acollerá a presentación da campaña "Fame de experiencias?", que este ano impulsa a Deputación de Pontevedra coa enogastronomía como eixe principal e que arranca con motivo da Feira Internacional de Turismo, FITUR. Na presentación, que será única, creativa, sorprendente, diferente, que rachará tópicos e non deixará a ninguén indiferente, a presidenta provincial, Carmela Silva, contará coa participación de tres estrelas Michelín e da actriz e presentadora Déborah Vukusic, que será a encargada de conducir un acto que, en palabras de Silva, "pretende encher de fame e desexos de coñecer a provincia de Pontevedra".
Alcaldesas e alcaldes de todas as comarcas da provincia, así como representantes de todo o sector turístico pontevedrés e do Cluster de Turismo de Galicia, asistirán á presentación da campaña da Deputación, acto que poderá seguirse en directo a través das redes sociais da institución provincial. Durante o evento, as historias das produtoras e produtores, persoas reais e auténticas que compoñen a cadea de valor que hai detrás da enogastronomía pontevedresa, serán as protagonistas. Todas e todos eles darán a coñecer a importancia da enogastronomía, "que tan vinculada está ao turismo das emocións", e a excelencia dos produtos da provincia, dando a coñecer espazos de costa e de interior que representan a todos os concellos da provincia e espertan "Fame de experiencias".
Para espallar as ideas de campaña, a presentación, guiada da man da actriz Déborah Vukusic, das estrelas Michelín e da propia presidenta provincial Carmela Silva, contará co apoio de dous vídeos diferentes e pecharase coa entrega dun agasallo a modo de caixa chea de sorpresas, experiencias e propostas enogastronómicas para vivir na provincia de Pontevedra.
Ao longo do 2019 e da man de "Fame de experiencias" a Deputación de Pontevedra pretende impulsar a enogastronomía, contando para iso cos innumerables recursos cos que conta a provincia de Pontevedra, dende a Denominación de Orixe Rías Baixas ata denominacións de orixe protexida (Mexillón de Galicia, Pemento de Herbón, Queixo de Tetilla e Queixo García-Ulloa), dez indicacións xeográficas protexidas (Castaña de Galicia, Grelos de Galicia, Lacón Galego, Mel de Galicia, Tarta de Santiago, Tenreira Galega, Augardente de Galicia, Augardente de Herbas de Galicia, Licor Café de Galicia, Licor de Herbas de Galicia), Ruta do Viño Rías Baixas, cinco establecementos con Estrela Michelín e oito Soles Repsol, eventos gastronómicos e festas enogastronómicas como a de interese turístico internacional do Albariño de Cambados ou as de interese turístico nacional do Marisco do Grove, o Cocido de Lalín e a Lamprea de Arbo.



No hay comentarios:

Publicar un comentario

NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.