TELÉFONOS DE INTERESE

4 de noviembre de 2017

A DEFENSA DO PACTO DE GOBERNO E O TRABALLO A PROL DOS VECIÑOS: PRIORIDADES DE SOMOS CAMBADOS










A Coordinadora de Somos Cambados apela ao diálogo pero pide que non se busquen escusas para romper o goberno ou recortar responsabilidades
Logo das declaracións realizadas ao longo destes días polos distintos grupos políticos que forman parte do goberno municipal de Cambados, a Coordinadora de Somos Cambados quere facer públicas as seguintes aclaracións:
Somos Cambados sempre apostou polo cambio e o pacto de goberno. Dende o primeiro día despois das eleccións; incluso cando outras forzas o daban por perdido mantivemos a negociación ata o último momento para conseguilo. Somos Cambados nunca tivo problemas para facer cesións a favor do acordo, e sirvan tres exemplos: a renuncia a unha liberación completa como as dos outros tres grupos políticos, a renuncia á segunda tenencia de alcaldía a pesar de correspondernos polos votos e a renuncia á peonalización da praza de Fefiñáns. Motivo polo que desde Somos Cambados apelamos ao dialogo entre as catro forzas políticas que forman parte do goberno municipal de Cambados, pero que este diálogo non sirva de escusa para romper o goberno ou recortar responsabilidades.
Os concelleiros de Somos Cambados traballan polo ben dos veciños, con absoluta lealdade ao pacto asinado, motivo polo que os nosos concelleiros están sempre dispostos a axudar en todo o que se lles pide nas áreas compartidas. Así foi no relativo a proxectos como o da nova praza de abastos ou ao da Cidade Europea do Viño. Polo que apelamos a que non se paralice a acción de goberno dende as forzas políticas que asinaron o pacto, xa que os problemas dos cambadeses non se solucionan ausentándose do posto de traballo ou eludindo as responsabilidades na acción de goberno.
Somos Cambados veu exercendo a portavocía do goberno de maneira compartida e flexible e sempre estivo disposto a compartila tanto nos plenos como nas distintas áreas de goberno.
O Polígono Industrial é competencia de Somos Cambados, tal como figura no pacto de goberno, e todo o trámite administrativo da axuda solicitada á Consellería de Industria da Xunta de Galicia para poder realizar estas melloras no Polígono Industrial foron tramitadas, supervisadas e dirixidas en todo momento pola Concellaría de Economía e Facenda, porque así lle corresponde dentro das competencias delegadas neste goberno.
Dende Somos Cambados temos claro que toda esta polémica xurdida nestes días non se debe a unha foto nun xornal, senón que vén motivada pola fiscalización dos gastos doutras concellarías e non polo traballo realizado na portavocía, pero que se quere utilizar de escusa para agochar o verdadeiro problema existente entre as relacións dos catro grupos políticos do actual goberno. O  control dos gastos do concello é competencia de Somos Cambados. Xa que logo, as concellerías deben entender este control e non gastar de máis sen someterse ao mesmo. Mentres desde Somos Cambados traballamos para poder baixar o IBI un 10% no vindeiro exercicio. Somos Cambados insta a tod@s @s concelleir@s a cumprir o pacto de goberno e traballar pola veciñanza sen perder o tempo en polémicas interesadas que só buscan rendabilidade política.


No hay comentarios:

Publicar un comentario

NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.