A ría de Muros e Noia foi escenario de varios operativos que se saldaron co comiso de máis de 130 quilos de diversas especies e coa incautación de 186 útiles. O control máis destacado foi na zona de Basoñas, en Porto do Son, e nel os axentes aprehendéronse de máis de 136 cacharros de polbo e os 23 quilos de cefalópodo que había no seu interior.
Na ría de Arousa os gardacostas requisaron 31 útiles, máis de 43 quilos de especies e 450 metros de artes de enmalle. A actuación máis relevante realizada nesta ría tivo lugar en Vilanova, onde os axentes incautaron as artes de enmalle e 14 quilos de peixe e marisco, a maioría choco de talla antirregulamentaria.
En Pontevedra os inspectores tamén fixeron varios operativos contra a pesca ilegal que se saldaron co comiso de 81 aparellos de pesca e máis de 18 quilos de diversas especies. O máis destacado levouse a cabo en Sanxenxo e resultou co comiso de 81 nasas que carecían de identificación e de 7 quilos de polbo e máis de 2 quilos de nécora.
Na ría de Vigo os gardacostas tamén realizaron diferentes operacións que se saldaron co comiso de máis de 9 quilos de diferentes especies e coa incautación de 50 aparellos e 100 metros de artes de enmalle. Un dos operativos fíxose nas Cíes e resultou coa aprehensión de 50 nasas de polbo e 4 quilos desta especie.
A Costa da Morte tamén foi escenario de diversos operativos onde os axentes se aprehenderon de máis de 97 quilos de diversas especies, de 68 aparellos e 500 metros de redes de enmalle. A operación máis relevante foi nas zonas de Fisterra, Corcubión e Sardiñeiro e alí os axentes comisaron 53 aparellos, a maioría nasas, os 500 metros de artes de enmalle e máis de 65 quilos de especies, a maioría nécora.
Tamén se desenvolveu un operativo por terra en Mondoñedo e nel os axentes de Gardacostas xunto cos da Garda Civil de Tráfico de Lugo e os do Seprona de Xove, fixéronse con 69 quilos de ourizo e case 37 de linguado. Ademais realizouse outra operación en Ares na que se comisaron case 10 quilos de vieira.

No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.