A directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, mantivo unha xuntanza coa Comisión sectorial do cerco do Consello Galego de Pesca para avaliar a situación das pesquerías para este ano, entre elas a da sardiña e a anchoa, campañas que empezan o vindeiro 1 de marzo.
En relación á sardiña, o sector e a Administración analizaron a proposta de resolución do Ministerio de Agricultura y Pesca, Alimentación y Medio Ambiente para xestionar esta pesquería e chegaron a un acordo para realizar unhas alegacións conxuntas e remitilas ao Ministerio de cara a unha mellora das posibilidades de pesca. Entre as propostas acordadas está a de revisar á alza as cotas de capturas semanais asignadas inicialmente a esta especie - de 3.000 quilos por barco e semana- e tamén os topes mensuais previstos para toda a frota antes do 31 de maio.
Outro tema obxecto desta xuntanza foi a campaña da anchoa no Cantábrico, que está próxima a iniciarse. Neste sentido, a Xunta e o sector analizaron a proposta de resolución da Secretaría General de Pesca do Ministerio e acordou solicitar un incremento da reserva do Total Admisible de Captura para o segundo período, de maneira que en lugar dun 10% quede un 15% de reserva. Tamén acordaron solicitar o establecemento dun incremento proporcional dos topes máximos de captura para este segundo período, xa que a que propón o Ministerio é menor con respecto ao primeiro período. Ademais, en aras da defensa da sustentabilidade da anchoa, a Administración e o sector do cerco propoñen establecer uns topes inferiores cando a talla da anchoa sexa moi pequena.
Ademais a Xunta e o sector analizaron a situación da pesquería desta especie, da xarda e do xurelo de cara as reunións que está a realizar a Secretaría General de Pesca co obxectivo de optimizar a xestión das cotas de pesca.

No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.