Para pechar o ano chega a Torrado unha das exposicións máis esperadas da programación: a do Grupo FOGA (Fato Onirista Galego) en Cambados, grupo artístico creado a mediados dos anos setenta e ao que estaban vinculados artistas cambadeses como Lino Silva, Francisco Leiro ou Manolo Paz, xunto aos fundadores do movemento J. Méndez, Kukas e Yayo, ademais de Luis Fega ou Anselmo Lamela.
A exposición do Grupo FOGA en Cambados amosará unha selección de esculturas e pinturas vinculadas ás estancias do grupo na vila cambadesa, e nas que destaca a influencia do surrealismo no comezo da traxectoria destes artistas galegos. O vindeiro venres 9 de decembro, como sempre ás 20:00, terá lugar a súa inauguración no Pazo Torrado, onde se manterá exposta ata o 8 de xaneiro.
Historia de "FOGA"
O FOGA (Fato Ounirista Galego) dáse a coñecer coa súa primeira exposición o 7 de febreiro de 1975, na Escola de Artes Mestre Mateo de Santiago. Integran este primeiro grupo Yayo, Kukas e J. Méndez e o seu obxectivo é a difusión da arte non convencional por toda Galicia. Ingresan deseguido no grupo Anselmo Lamela e Luís Fega cos que expoñerán en Cedeira, pouco despois únense Doro e J. García expoñendo de forma conxunta o 11 de xuño do mesmo ano na sala de exposicións de ANUE en Santiago. Aquí aparece un formato de obra colectiva, unha soa peza tridimensional é elaborada por todos os compoñentes na mesma sala de exposicións. Outra novidade reside nos títulos, nos que algún escolle poemas, outros frases de libros, e mesmo deseños transferidos de revistas.
Tras a mostra de Vilaxoán (setembro do 75), uniranse outros artistas como Francisco Leiro, Lino Silva ou Seara. Decídese entón manter unha mensaxe menos "onírico" por non coincidir o surrealismo co estilo de cada un e faise máis fincapé na individualidade ligada ao grupo e que sobre todo pretende a unión entre todas as manifestacións da arte. Así figuran outras personalidades, xa desde o principio, como Manuel Hermida (cantautor) ou Gabriel del Castillo (dramaturgo), ao que hai que engadir o carácter polifacético dalgúns dos seus integrantes que acabaría cristalizando na mostra do Colectivo Parafuso a finais de 1982 no Modus Vivendi de Santiago, para a que se interveu todo o espazo, desde as mesas, que imitaban paquetes postais personalizados por cada artista, ata o teito, no que se realizaron composicións abstractas. Incorpóranse a este evento Rosalía Pazo, María Coira, Isabel Rei, Dolores Seoane e Antonio Nodar. Entre as actividades expositivas incluíanse sesións de mimo, recitais poéticos, musicais e performances interactivas nas que se executaban obras que eran despois entregadas ao público.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.