TELÉFONOS DE INTERESE

16 de noviembre de 2016

NOVO PLAN PARA A PISCINA MUNICIPAL









A comisión de seguimento da piscina do Pombal en Cambados decide redactar un novo convenio para poder levar a cabo as melloras

Deputación de Pontevedra e Concello dacordo en corrixir as deficiencias do proxecto inicial de abril de 2015
O deputado provincial Santos Héctor e a alcaldesa de Cambados Fátima Abal asistiron hoxe na Casa do Concello cambadés á comisión de seguimento da obra de substitución da cuberta na piscina climatizada do complexo polideportivo do Pombal, investimento que a Deputación de Pontevedra aprobou nunha Xunta de Goberno celebrada en outubro de 2015 por un importe de máis de 471.000 € dun proxecto que proviña do anterior goberno. Santos Héctor asegurou que "acordamos redactar un novo convenio coa finalidade de poder levar a cabo este compromiso" adquirido pola institución provincial e a corporación municipal cambadesa "ante a necesidade de realizar unha remodelación integral debido ao seu mal estado".
Durante a celebración desta comisión de seguimento léronse as conclusións do persoal de arquitectura técnica de ambas as dúas administracións, que salientaron que "as instalacións do complexo municipal non se atopan nun estado adecuado". En concreto, o informe sinala que "o acceso á piscina e á zona do spa se atopan en deficiente estado de conservación, presuponse que por falta de cimentación da estrutura" e que "a estrutura metálica que sostén a cuberta do corredor de conexión entre vestiarios e zonas húmidas está completamente corroída". Ademais, asegura que "non existen sistemas efectivos de control de humidade nin de renovación de aire, polo que se observan de forma xeneralizada condensacións en superficies frías".
Este escrito conclúe que "o proxecto adxudicado considérase de difícil execución nas solucións expostas, e básico nas definicións dos acabados", polo que recomenda "facer un novo proxecto único no que se recollan as necesidades reais das instalacións municipais, non só a renovación da envolvente da piscina".
Tendo en conta estas observacións, ambas as dúas institucións víronse na obriga de rescindir o contrato coa empresa construtora así como redactar un novo proxecto. Ademais, a comisión de seguimento estableceu o reparto dos custos do novo proxecto da seguinte maneira: o concello de Cambados e a Deputación de Pontevedra farán fronte, cada unha delas a partes iguais, ao 50% dos custos da obra de climatización e ao 50% da redacción do proxecto.

O deputado Santos Héctor sinalou que para a institución provincial "a redacción deste novo proxecto é a única solución posible para paliar os danos, herdados dos anteriores gobernos municipal e provincial, para arranxar os problemas que manifesta na súa cuberta e na cimentación, así como para renovar as instalacións de climatización, o deshumidificamento e renovación de aire da piscina, que se atopan en moi mal estado".








No hay comentarios:

Publicar un comentario

NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.