TELÉFONOS DE INTERESE

17 de noviembre de 2016

EXCELENTE COLLEITA DAS D.O. GALEGAS











O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, valorou hoxe na rolda de prensa do Consello a boa marcha do sector vitivinícola galego cuxa vendima, a pesar das condicións adversas marcadas polos ataques do fungo mildeu e polo pedrazo que afectou a zonas de Valdeorras e a Ribeira Sacra, pecha este ano con case 60 millóns de quilos de uva e de boa calidade. O que supón a terceira colleita máis abondosa dos últimos dez anos.


A pesar das previsións que apuntaban a un descenso do 20% na cantidade de uva vendimada, a campaña pechouse cunha diminución de só un 6% fronte ao ano pasado.
Do total colleitado o 84% da uva pertence a variedades brancas e o 16% a uvas tintas: a uva Albariño supón máis dun 65% do total de uva branca, a Treixadura case un 12% e a Godello en torno a un 11%; e de entre as uvas tintas, a Mencía supón máis do 79% do total.
Logo da avaliación dos datos por denominacións de orixe, o titular do Goberno galego subliñou que a DO Rías Baixas supón un 56% do total recollido en Galicia, colleitando un 5% máis que a campaña anterior e consolidándose como a denominación que máis quilos de uva apañou.
A DO Ribeiro colleitou en torno ao 20% do total, á DO Ribeira Sacra algo máis do 9%, a DO Valdeorras colleitou en torno ao 8% e a DO Monterrei sitúase en máis dun 7% do total.
 Feijóo incidiu en que, en xeral, a uva recollida é de boa calidade, xa que as chuvias previas á vendima equilibraron os distintos graos de maduración e destacou que para os labores de control, os consellos reguladores empregaron a máis de cen traballadores entre fixos e eventuais.
O responsable autonómico lembrou que as cinco denominacións de orixe galegas implican a uns 16.000 viticultores e 460 adegas; en 2015 comercializaron viño por valor en orixe duns 180 millóns de euros e, entre 2009 e 2015, o sector duplicou as súas vendas ao exterior. “Segue sendo un sector agroindustrial moi exportador”, sentenciou.




No hay comentarios:

Publicar un comentario

NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.