A Deputación de Pontevedra vén de realizar o sorteo público das prazas dos "Campamentos polideportivos Príncipe Felipe" mediante un algoritmo informático. Ao acto asistiu a deputada de Deportes, Chelo Besada.
Esta actuación, que se desenvolverá ao longo do verán neste centro situado na capital provincial, ten como finalidade a promoción e a organización de actividades con compoñentes deportivos e educativos destinadas ao lecer de 300 menores de idade –con 30 prazas reservadas aos nenos e nenas do Centro Príncipe Felipe– nacidos entre os anos 2002 e 2009 e residentes nos concellos da provincia de Pontevedra. Precisamente a deputada, Chelo Besada, quixo lembrar a importancia de que dende os concellos se promovan e se difundan iniciativas coma esta ou o "Depo Aventura A Lanzada", que este ano contou por primeira vez con prazas destinadas a rapaces e rapazas procedentes de familias en situación ou risco de exclusión grazas ao convenio firmado coa Fundación La Caixa.
A través dos "Campamentos Polideportivos Príncipe Felipe" a Deputación de Pontevedra ofrece a posibilidade de que as mozas e mozos empreguen as súas vacacións de verán para participar en actividades lúdicas, educativas e deportivas que contribúan ao seu enriquecemento e desenvolvemento persoal, así como ao coñecemento doutros lugares fóra da súa contorna. En concreto, desenvolveranse actividades relacionadas coa natureza, deportes, aire libre, xogos, xogos de sala, arte, parque multiaventura, tiro con arco, deportes en equipo, actividades acuáticas, obradoiros… Todas elas co obxectivo de ensinar ás mozas e mozos a desenvolverse nun medio non habitual, potenciando a súa maduración, desenvolvendo a sociabilidade e o dinamismo multicultural, inculcando hábitos hixiénicos, alimenticios e de exercicio físico e fomentando tamén o respecto polo medio ambiente e a conservación da natureza.
A lista definitiva da adxudicación das quendas pódese consultar dende hoxe mesmo na web da Deputación, a ás persoas seleccionadas tamén se lles avisará a través dunha mensaxe de texto ou por correo electrónico.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.