Este protocolo vai dirixido a todas as persoas que, en calquera nivel xerárquico e/ou posición, prestan os seus servizos para o Concello de Cambados, incluído o persoal colaborador (ben sexa por conta propia ou baixo a dependenciaa doutras empresas contratadas e/ou subcontratadas) e que poidan observar por si mesmas ou chegar a ter coñecemento directo ou indirecto de situacións de violencia de xénero que puidesen estar a sufrir outras empregadas e/ou colaboradoras no seu ámbito persoal e familiar, tanto dentro como fóra dos lugares de traballo.
Coa firma deste protocolo, a Corporación comprométese a previr a violencia de xénero no seo do Concello e no seu contorno social, prestándolles información e apoio ás traballadoras vítimas de violencia de xénero, establecendo en toda a organización o principio de tolerancia cero coas violencias machistas e difundindo entre todos os grupos de interese do Concello estes principios, integrándoos en todas as súas áreas de actividade e entre todo o persoal co obxectivo de erradicar esta forma de vulneración dos dereitos humanos e sancionar os comportamentos violentos. Esta declaración de principios establécese coa vontade de espertar e cambiar conciencias e liderar un cambio cultural e de comportamento, a día de hoxe aínda amparado en arcaicos estereotipos de xénero que teñen a muller no seu punto de mira, e busca promocionar unha cultura de rexeitamentoe sensibilización que propicie unha mellora do clima e da saúde laboral das traballadoras e traballadores.
A alcaldesa de Cambados, Fátima Abal, foi quen formalizou esta adhesión nun acto realizado en Vigo, coa presencia, entre outros representantes, da presidenta da Deputación, Carmela Silva, a presidenta do Observatorio contra a Violencia de Xénero, Ángeles Carmona, e a representante da Asociación Española de Auditores Socio-laborais, Mª Ángeles García Pérez, promotora e co-autora deste protocolo xunto a o seu compañeiro no mesmo Fernando Cabezas Lefler.
Na actualidade son máis de 150 empresas de toda Galicia –que inclúen o proxecto como iniciativa da súa Responsabilidade Social Corporativa ou como medida negociada coa representación sindical– e 17 concellos da provincia de Pontevedra os que asumiron este protocolo, pero a presidenta da Deputación fixo un chamamento aos 45 concellos restantes a que se sumen a este proxecto. "Imos traballar por que sexan os 62 concellos de Pontevedra quen se comprometan activamente a ser axentes que loitan contra a violencia de xénero", sinalou. Os 17 concellos asinantes son os da Guarda, A Illa de Arousa, Baiona, Barro, Cambados, Cuntis, Lalín, Moaña, Mos, Nigrán, Poio, Ponte Caldelas, Portas, Sanxenxo, Vilaboa, O Grove e Vigo, e a presidenta da Deputación quixo lembrar ademais que foi a propia institución provincial a primeira en asinar o protocolo, "non podía ser doutra forma", cando se presentou nela a semana pasada.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.