TELÉFONOS DE INTERESE

16 de mayo de 2016

XA ESTÁ NA WEB DA TVG O PROGRAMA ADICADO A CAMBADOS








Si onte non pudeches miralo xa está dispoñible na web da TVG o programa Salitre adicado a Cambados.


“Ribeiras de Salitre” viaxa a Cambados, onde se atopa a confraría máis antiga de Galicia, con seiscentos mariñeiros rexistrados e o legado dun dos portos en activo máis lonxevos da comunidade autónoma. Desta vila, parten 250 embarcacións ao marisqueo a flote, o rastro da vieira, o boliche, o bou de vara, o cerco e outras artes menores. Entre as especies singulares desta ribeira de salitre encóntranse a zamburiña e a voandeira.
Rivadulla Corcón fala con Ruperto Costa, patrón maior de Cambados, e sae con el ao mar para ver como recolle ameixa co rastro. Outra profesional con verdadeira alma mariña é Loli González, que defende o papel da muller nos traballos do mar. Hoxe vende peixe na praza de abastos, pero durante anos traballou como mariñeira.
Coma ela, Celsa García reivindica o papel do colectivo feminino. Leva anos dedicada ao marisqueo e cociña para “Ribeiras de Salitre” uns saborosos berberechos. Compañeira de profesión, María José Cacabelos, é a presidenta das mariscadoras de Cambados, quen explica a importancia que ten esta actividade na vila e como se desenvolve. 
O programa da Televisión de Galicia descóbrelle tamén ao espectador que a treixadura, ademais dunha uva, é un grupo de música tradicional. Treixadura leva moitos anos recuperando pezas do repertorio tradicional e traéndoas á actualidade. No porto de San Tomé, interpreta algunha delas. 
Cambados é unha ribeira cunha importante preocupación polo patrimonio mariñeiro, onde os diferentes tipos de embarcación teñen un papel central e que conta con asociacións dedicadas á recuperación de navíos tradicionais. “Ribeiras de Salitre” fala con Iago OteroXaquín López e Juan Carlos Martínez, que explican o significado da cultura mariñeira e da recuperación do patrimonio do mar. 
Na comarca do Salnés, o equipo do programa da TVG proba un Albariño, convidado por Sonia Costa, da adega Lagar da Costa, quen fala do impacto positivo da proximidade do mar para as viñas onde nace a uva do albariño.
Para ver o vídeo preme aquí 




No hay comentarios:

Publicar un comentario

NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.