Axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia, dependente da Consellería do Mar, requisaron máis de 830 quilos de peixe e marisco e 322 aparellos de pesca en diferentes operativos realizados esta semana. Os inspectores da Xunta tamén se fixeron con 550 metros de artes de enmalle.
A Ría de Arousa foi escenario de diversas actuacións de gardacostas nas que os axentes comisaron máis de 707 quilos de diversas especies, 26 aparellos de pesca e unha embarcación. O operativo máis destacado tivo lugar no porto de Ribeira onde os axentes se fixeron con 500 quilos de sardiña. En Vigo tamén se realizaron operativos contra a pesca ilegal que se saldaron co comiso de 200 metros de artes de enmalle e de máis de 3 quilos de rapante.
Na Costa da Morte os inspectores realizaron varios operativos que se saldaron coa aprehensión de máis de 92 quilos de peixe e marisco, 27 aparellos de pesca e 350 metros de aparellos de enmalle. A actuación máis salientable desenvolveuse nos portos de Malpica, Corme, Laxe e Barizo e resultou co comiso de 32 quilos de especies, na súa maioría lumbrigante, nécora e choco, e coa incautación de 13 aparellos de pesca e os 350 metros de artes de enmalle.
Por outra banda, os axentes de Gardacostas en colaboración coa Policía Autonómica, realizaron un operativo contra os ilegais en Ferrol no que comisaron 199 aparellos de pesca. A maiores, na ría da Coruña os axentes incautaron 20 nasas de ferro e 2 viveiros e comisaron 10 quilos de polbo e máis de 3 de nécora. Finalmente, na zona das Mirandas, na ría de Ares, os axentes tamén fixeron un operativo no que comisaron 47 nasas de madeira e os 16 quilos de polbo que contiñan no interior.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.