A Deputación de Pontevedra levará a Granada o vindeiro 2 de xuño a unha ducia de concellos da provincia para participar no seminario de ‘Cidades d@s nen@s' organizada polo investigador italiano Francesco Tonucci (Frato). No encontro exporanse as diferentes experiencias de cidades de todo o estado que xa están a aplicar a filosofía de tomar aos nenos e nenas como referencia das necesidades de toda a cidadanía. "Os concellos da provincia teñen a oportunidade de coñecer solucións e actuacións concretas que se están a adoptar noutras localidades… de intercambiar experiencias de xestión e exemplos para aplicar nas súas propias vilas adaptándoas ás súas características", sinalou o vicepresidente Mosquera. Así mesmo, ademais do seminario, a expedición pontevedresa tamén visitará a exposición ‘Imaxinar a educación. 50 anos con Frato', que reúne traballos e viñetas publicados polo pedagogo e debuxante que reflexan a aposta por deixar aos nenos e nenas desenvolverse de maneira autónoma.
Esta viaxe a Granada xorde despois da reunión organizada a primeiros de ano na que o vicepresidente Mosquera anunciou que a Deputación de Pontevedra tiña intención de liderar e xestionar unha delegación do proxecto da 'Cidade dos nenos'. Dende entón foron 16 os municipios pontevedreses que xa aprobaron en Pleno a súa adhesión á rede. Dado o interese mostrado, e coa finalidade de facilitar a asistencia ao seminario do 2 de xuño aos concellos, a Deputación pagará a viaxe ata Granada para que os representantes municipais interesados poidan acudir. Estarán presentes as alcaldesas e alcaldes de Silleda, Catoira, Cambados, Tomiño e concelleiros de Catoira, Salceda, Vila de Cruces, Arbo, Vilaboa, Pontevedra, Ponteareas, Redondela e Lalín, ademais do vicepresidente, o deputado provincial de Mobilidade, Uxío Benítez, e outros dirixentes provinciais.
Congreso en Pontevedra
Por outra banda, Mosquera anunciou hoxe que no mes de setembro o propio Francesco Tonucci visitará a cidade de Pontevedra cunha representación de alcaldes da rexión do Lazio (Italia). A súa intención é que os representantes municipais coñezan ‘in situ' a cidade que o propio Frato considera referente de actuación e modelo a seguir por parte doutras localidades. Hai que indicar que o Concello de Pontevedra participará como poñente principal no seminario de Granada nos actos abertos ao público, ademais de protagonizar tamén a xornada de traballo interna para os municipios adheridos á rede de ‘cidades dos nenos' que terá lugar pola mañá o día 2. Finalmente, Mosquera tamén indicou que a Fundación de Tonucci está a traballar na organización dun novo encontro e dun gran congreso que se celebraría en 2017 e que ten moitos visos de celebrarse en Pontevedra, probablemente coa colaboración da Deputación provincial.
O proxecto de 'cidades d@s nen@s' baséase en dous piares: que as nenas e nenos participen no goberno da súa cidade e recuperen a súa autonomía mediante un deseño dos espazos públicos axeitado. Neste último aspecto, o sociólogo italiano propón a utilización dos camiños escolares como primeiro chanzo para actuacións máis globais. Segundo explicou César Mosquera, a Deputación considera que a filosofía de Tonucci entronca perfectamente co que o organismo provincial quere desenvolver na provincia para conseguir que as cidades e vilas sexan cómodas, amables, seguras e accesibles, garantindo a mobilidades de tódolos sectores e non só dos vehículos (cuestión que xa se recolle no decálogo de actuación nas vías provinciais).
No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.