O xulgado de instrución número 1 de Cambados impuxo unha multa 180 euros, a razón de 6 euros diarios durante un mes, a José Ramón Abal Varela, candidato de Cambados Pode á alcaldía nas eleccións do 24M por fuxir da Garda Civil nun control de tráfico. Os feitos ocorreron o 10 de abril de 2015 nunha rotonda de Ribadumia, cando Abal Varela conducía en compañía da súa avoa e un axente do instituto armado parou o seu vehículo no marco dun control rutineiro.O garda civil observou algo estraño no filtro do gasoil, polo que lle pediu que abrise o depósito do seu coche e dirixiuse ao vehículo oficial para coller a mangueira e os utensilios necesarios para realizar a proba. Foi nese momento cando, segundo considera probado o fallo xudicial, Abal Varela aproveitou para meterse no seu turismo e emprender a fuxida. Ante estes feitos foi detido días despois e o xulgado fixou un xuízo para o 19 de maio que se aprazou por motivos médicos e celebrouse unha semana despois.
Os dous axentes declararon no xuízo que un deles deu o alto a Abal Varela, quen pola súa banda asegurou que entendeu que podía marcharse cando o garda civil lle entregou o seu DNI e, segundo el, díxolle "listo". Unha versión "contraditoria" para a xuíza que dá por válido o testemuño dos axentes e condena a José Ramón Abal a 180 euros de multa, a metade do que pedía o fiscal, por unha falta de desobediencia. Ademais, terá que pagar as costas. A defensa, que pedía a súa libre absolución, xa presentou recurso.
O candidato de Cambados Pode negou reiteradamente os feitos e incluso a través da conta oficial de Facebook da formación chegouse a asegurar que non se ía celebrar ningunha vista ameazando incluso con querelas a os medios que difundiron a nova, entre eles a CORES DE CAMBADOS.
Fonte:Diario de Pontevedra

No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.