TELÉFONOS DE INTERESE

19 de mayo de 2015

SOMOS CAMBADOS FARÁ UNHA AUDITORÍA DO CONCELLO









A primeira medida da acción de goberno de SOMOS CAMBADOS será a realización dunha auditoria económica externa do Concello de Cambados. Esta decisión xustifícase polas reiteradas irregularidades e corruptelas cometidas polo goberno do PP e denunciadas polo departamento de Intervención municipal.
Así, segundo a Intervención do Concello de Cambados, mediante un procedemento irregular nun só ano foron contratados obras e servizos por un total de 307.380,12 €. A pesar das continuas advertencias da Intervención municipal, Aragunde négase ano tras ano a cumprir coa legalidade e persiste en adxudicar a dedo obras e servizos que polo seu importe deberían contratarse mediante concurso público, tendo que soportar as arcas municipais un sobrecoste que, de realizarse mediante procedementos legais, suporía un importante aforro para o Concello.
Aragunde tamén incorre en ilegalidades no que respecta á xestión do persoal municipal, reiteradamente denunciadas polo departamento de Intervención, chegando incluso a formular un reparo suspensivo ao abono das nóminas polas continuas ilegalidades no pago de horas extras, produtividades e gratificacións. Por citar só un caso, a cantidade que cobrou por horas extras o asesor do alcalde, nomeado a dedo por Aragunde, multiplicou por 5 o máximo permitido pola lei. Estes abonos  realizáronse a aqueles traballadores máis afíns a Aragunde sen que existise ningún expediente que xustificase ditos pagos.
Por outra banda, SOMOS CAMBADOS vén demandando insistentemente desde hai varias semanas que Aragunde faga públicos os contratos do Concello coa empresa ContaLocal, S.L. que, ademais de xestionar o dominio da web municipal, tamén xestiona o dominio da web electoral de Aragunde e foi a empresa encargada da realización do seu video electoral nas pasadas eleccións municipais. ContaLocal, S.L. é citada pola Intervención municipal como unha das empresas beneficiadas en varias ocasións polos contratos irregulares realizados por Aragunde.  SOMOS CAMBADOS reitera unha vez máis a esixencia de información sobre o número de contratos realizados polo Concello con esta empresa, a súa contía e a duración dos mesmos.
SOMOS CAMBADOS considera que nunha situación económica e social como a que están padecendo a maioría de familias é inadmisible que nesta lexislatura os salarios do equipo de goberno e dos seus asesores nos costen aos cambadeses un millón de euros. SOMOS CAMBADOS comprométese a reducir este importe o non ter que contratar ningún asesor político como fai o Partido Popular, co que a cantidade aforada se destinaría a incrementar o gasto social e de promoción do emprego.
SOMOS CAMBADOS sinala que a ultima fiscalización externa do Concello de Cambados foi feita polo Consello de Contas no ano 2002. Daquela o Concello de Cambados negárase a facilitar a información que lle solicitaban alegando que lle roubaran documentación.
Despois de 28 anos de maioría absoluta do PP, SOMOS CAMBADOS terá como unha das súas prioridades de goberno un Concello que avogue pola transparencia e a honradez na xestión, no que a información estea a disposición de todos os veciños e veciñas, e na que todos os cidadáns teñan igualdade de trato e de oportunidades.
Neste enlace podes ver o listado de facturas irregulares:
Neste enlace podes ver os reparos da Interventora Municipal:
Neste enlace podes ver as irregularidades cos traballadores do Concello:
Neste enlace podes ver a Fiscalización do Consello de Contas onde o Concello alega que lle roubaron contratos de traballo:

No hay comentarios:

Publicar un comentario

NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.