
A comarca do Salnés está por debaixo da ratio recomendada pola OMS ( Organización Mundial da Saúde ) que recomenda a existencia dunha ambulancia de “Soporte Vital Básico” por cada 25.000 habitantes, estamos a ver como a día de hoxe na comarca do Salnés as ratios de atención superan as recomendacións.
Na atención das patoloxías de gravidade o tempo é un factor esencial, polo cal non é entendible que unha comarca tan ampla e con tanta poboación como a do Salnés teña un hospital que non está dotado con UCI e non conte con ningunha ambulancia medicalizada ( Soporte Vital Avanzado ) é dicir dotada cun equipo humano composto por un/unha médico e persoal de enfermería especializado na atención sanitaria en situacións de emerxencias e dous técnicos en transporte sanitario urxente , algo claramente necesario tendo en conta ademais da súa poboación o alto índice de sinistros que se rexistran.
O persoal que presta os seus servizos nas ambulancias do 061 no Salnés veñen de denunciar que están a prestar os servizos propios dunha ambulancia medicalizada con ambulancias convencionais ou asistenciais, que, ou ben son “medicalizadas” indo a buscar o persoal médico e de enfermería aos centros de saúde ou “Pacs”, co cal se perde un tempo vital, ademais de deixar desatendidos estes centros, ou proceder ás chamadas transferencias en ruta, consistentes en saír ao encontro da ambulancia medicalizada, que ten base en Pontevedra, e proceder a medio camiño a trasvasar @s doentes dunha ambulancia a outra no medio da rúa ou en gasolineiras, cando non ter que seguir cara ao centro hospitalario por atoparse esta ocupada.
É evidente que os recursos sanitarios existentes no Salnés non permiten a atención de patoloxías de extrema gravidade, nin a maior parte das veces, prestar asistencia médica in situ a doentes de extrema gravidade, nin asistilos con persoal facultativo nin de enfermería durante os traslados a un centro hospitalario, ao non contar con ambulancia medicalizada nin ter UCI o Hospital do Salnés.
Dende finais do mes de novembro a Xunta de Galiza abriu o prazo para o novo concurso de transporte Sanitario Urxente na Galiza, que non contempla a dotación de ambulancia medicalizada para o Salnés, e que ademais está sendo aproveitado o mesmo para reducir e precarizar este servizo público e primar o negocio fronte ao servizo. Un negocio, que máis unha vez, como xa fixo na adxudicación do Hospital do Salnés, o Partido Popular prima ás grandes empresas de fora de Galiza.
O PP ten demostrado sobradamente que a súa folla de ruta é a de privatizar e recortar cada vez máis nestes servizos públicos, coa única fin de que as empresas adxudicatarias aumenten os seus beneficios, aínda a conta de precarizar na atención e servizos ás persoas.
Fronte a isto dende o BNG entendendo que é preciso reclamar un servizo tan necesario, e que atenda e teña como principal obxectivo o de servir e velar pola saúde de toda a poboación do Salnés cunha ambulancia medicalizada, imprescindible para non seguir a poñer en risco a saúde e vida d@s veciñ@s da comarca.
Por todo isto, dende o grupo municipal do BNG solicitan do pleno da corporación de Cambados o apoio ao seguinte
ACORDO
Instar ao Goberno galego a dotar á comarca do Salnés cun servizo permanente, todo o ano e as 24 horas, de como mínimo unha ambulancia medicalizada (Soporte Vital Avanzado), é dicir dotada permanentemente cun equipo humano composto por un/unha médico e persoal de enfermería especializado na atención sanitaria en situacións de emerxencias e dous/dúas técnic@s en transporte sanitario urxente.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.