As Xuventudes Socialistas de Galicia (XSG) denunciaron hoxe a lamentable situación do servizo de trens rexionais que conectan Santiago de Compostela con Vigo, A Coruña e Ourense; en especial de modo que “centos de universitarias e universitarios vense na obriga de viaxar sen asento e cos pasillos bloqueados polas maletas, o cal pode resultar máis propio do transporte de gando que de persoas”.
O secretario xeral das XSG Cambads, Ismael Agra, destacou que “o Partido Popular está demasiado obcecado con recuperar o seu glorioso século XIX, non só ideoloxicamente, senón que pretenden manter a Galicia coas mesmas infraestruturas daquel século”. Tamén recalcou a necesidade “dun servizo público de ferrocarís que responda ás necesidades das mozas e mozos galegos, que non poña en risco a súa seguridade nin que os trate como se de mercadorías se tratase”. Dese modo instou á responsable de Fomento, Ana Pastor, “a aumentar inmediatamente a frecuencia de ferrocarrís nas fins de semana”, por ser cando se producen as criticadas aglomeracións.
O líder da organización socialista puxo en cuestión a privatización do sector ferroviario, lembrándolle á ministra de Fomento que “a mobilidade das persoas tamén é un dereito fundamental que se debe garantir, máis se cabe nas rexións nas que esta se ve dificultada polas complexidades xeográficas”. Porén, instaron á titular deste departamento a “deixar de desfacerse de servizos públicos e empezar a traballar pola súa mellora”.
Do mesmo xeito, Agra censurou que “milleiros de millóns de euros de inversión pública vaian ser agora aproveitados por unha empresa privada, o cal é un reflexo do modelo de goberno do Partido Popular: pagar entre toda a cidadanía os custos que ningunha sociedade privada quere asumir”.
Dende a organización xuvenil tamén criticaron “a pasividade do goberno de Núñez Feijoo á hora de reclamar un servizo de cercanías entre as cidades galegas, feito que facilitaría as comunicacións entre galegas e galegos. Esiximos ao presidente da Xunta que deixe os seus intereses partidistas e defenda o interese xeral dos galegos e galegas.” Concluíu afirmando sobre Feijoo que “ben que se presentaba como o maior defensor da patria de Galicia cando gobernaba o Partido Socialista no goberno central.”
No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.