A BASQUE CULINARY CENTER VISITA O SALNÉS E PONTEVEDRA
100 alumnos e 10 profesores do primeiro curso do Basque Culinary Center
visitan desde hoxe e ata o vindeiro xoves a provincia de Pontevedra
para afondar no coñecemento da gastronomía e a cultura culinaria das
Rías Baixas.
No marco desta actividade, foron recibidos esta
mañá no Pazo provincial pola deputada Ana Isabel Vázquez Reboredo, que
agradeceu a visita e animou ós "futuros cociñeiros" a ter moi presentes
os produtos desta provincia no seu labor profesional. Pontevedra é xa un destino tradicional no programa de actividades do Basque Culinary Center
(a primeira e única Facultade de Ciencias Gastronómicas de España), que
organiza estas viaxes de aprendizaxe como unha forma de completar a
formación do seu alumnado.
Aínda que os alumnos xa
tiveron contacto cos produtos galegos nas clases teóricas e nas
prácticas que realizan na facultade, esta visita proponse como unha
ocasión excepcional para coñecer directamente non só os produtos das
Rías Baixas senón todo o proceso de produción e elaboración.
Así, durante a xornada de hoxe visitarán unha batea da Denominación de Orixe Protexida Mexillón de Galicia, xantarán no Centro Vacacional da Lanzada e pola tarde achegaranse ata o Instituto Galego de Formación de Acuicultura.
A visita continuará mañá mércores cun percorrido por varias adegas da Denominación de Orixe Rías Baixas
de Arousa e O Condado-A Paradanta; e pecharán a súa estadía en
Pontevedra o xoves, día no que continuarán con visitas a adegas, así
como á lonxa de Cambados e a unha cetárea. Despediranse cun showcooking na adega Lagar de Pintos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.