TELÉFONOS DE INTERESE

26 de agosto de 2013

A EXPOSICIÓN "LUNA AZUL" DE MANOLO PAZ PROLÓNGASE SEN DATA DE CLAUSURA







Continuarán as visitas comentadas todos os martes e xoves ás 19:30 horas ata o día da clausura.

A exposición "Luna Azul" do escultor Manolo Paz, que actualmente acolle o Sexto Edificio do Museo de Pontevedra, amplíase ata o vindeiro 5 de setembro. Aínda que a data programada para a súa clausura era o 25 de agosto o éxito da mostra do artista cambadés provoca que se alongue no tempo (tan só do 5 de xullo ó 22 de agosto, o Sexto recibiu 3.800 visitas grazas a esta e outras exposicións itinerantes).
Tamén continuarán as visitas comentadas levadas a cabo polo Gabinete didáctico do Museo,  durante os martes e xoves ás  19:30 horas ata o propio día da clausura, unha actividade individual da que participaron unhas 100 persoas durante as xornadas que se realizaron ata agora.
Arte de interior e exterior

Manolo Paz amósalle ó público unha serie de traballos en granito azul de Bahía, así como outros realizados especificamente para esta mostra. O autor lembra vistas aéreas e tamén algún glaciar, o cosmos, ou o mar, sempre presente. En "Luna Azul", obra que lle dá nome á exposición, descobre a plenitude do granito respectando sempre as súas calidades; astro que paradoxicamente non é desa cor senón que se denomina así a segunda lúa chea durante un mesmo mes do calendario gregoriano. Por outro banda, Manolo Paz fai unha metáfora perfecta das paisaxes mariñas a través da lúa que afecta ás mareas e á natureza, nuns mares de pedra nos que a unión con poesía están máis que presentes. Como elemento místico, a luz do afastado reflíctese de forma suave nas esculturas, mentres a cor e as formas transmiten tranquilidade.
Tamén presenta unha serie de traballos site-specific que poden verse desde dentro e fóra do Museo, como poden ser representacións plásticas das bateas de mexillóns que invaden os espazos de tránsito de entrada a salas de exposición. A mostra complétase con obras moi representativas da súa traxectoria coma "Colmeas", "Terra e aire" realizada con pedra de Benisalem; "Catro Estacións", un dos seus traballos máis singulares e cun sentido cromático de especial interese; ou "Debuxando no aire", obra que se pode gozar no exterior do Museo, na que o baleiro cobra un gran protagonismo. 
A exposición complétase cun libro retrospectivo onde se recollen as obras máis representativas da traxectoria do artista, acompañado de textos claves dunha serie de teóricos que acompañan o seu traballo e un ensaio inédito do comisario da mostra.
Artista con traxectoria
Cómpre lembrar que a Deputación distinguiu a traxectoria artística do escultor cambadés Manolo Paz co Premio Deputación 2011 na categoría de cultura e arte. Con esta distinción, a Deputación de Pontevedra quixo galardoar a contribución de Manolo Paz á proxección nacional e internacional da arte galega.

Paz naceu en 1957 en Castrelo, Cambados, no seo dunha familia humilde e traballadora que atendía negocios de carnicería e do campo. Alí, na casa familiar, iniciou a súa paixón pola escultura a través das tallas de madeira que realizaba coa súa navalla. Entre 1978 e 1979 estudou na Escola de Artes e Oficios Mestre Mateo, de Santiago de Compostela. As súas primeiras exposicións públicas teñen lugar en 1979. En 1980 comezou a traballar como profesor de escultura na Escola de Canteiros de Poio, actividade que desenvolvería ata 1990. Desde 1992 a 1994 residiu e traballou en Nova Iorque.

Manolo Paz traballa granito, fundamentalmente, mais tamén madeira e metal. No entanto, é a pedra o seu material fetiche.




No hay comentarios:

Publicar un comentario

NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.