En liberdade con cargos e coa obrigación de comparecer diariamente no xulgado. Así saíu este xoves dos xulgados de Cambados o mozo de 26 anos, de nacionalidade senegalesa e residente na localidade, que na tarde do mércores atropelou seis persoas, cinco delas menores de idade. Foi sometido a un xuízo rápido xa que, aínda que deu negativo na proba de alcoholemia, circulaba co seu coche sen ter sacado xamais o permiso de conducir.
Segundo fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, ao mozo, que pasou a noite no cuartel da Garda Civil, impútaselle un presunto delito de lesións por imprudencia grave e outro contra a seguridade vial. Ademais da obrigación de acudir aos xulgados diariamente, o Xulgado de Instrución número 2 de Cambados retiroulle o pasaporte, dado que se lle impide abandonar o territorio nacional.
A consecuencia deste accidente unha muller de 50 anos de idade e natural de Madrid resultou ferida de gravidade nunha das súas pernas, polo que foi preciso o seu traslado nun helicóptero do 112 ao Hospital Clínico Universitario de Santiago.
Tamén foi preciso trasladar ao Hospital de O Salnés unha moza de 15 anos de idade, veciña de Logroño, que presentaba unha fractura aberta nun dos seus nocellos. Outros catro menores,de entre 8 e 12 anos de idade, tamén resultaron feridos, aínda que de menor consideración e foron atendidos no PAC da localidade.
Unha sétima persoa, que non foi atropelada polo vehículo, unha muller de 36 anos, foi tamén atendida polos sanitarios ao sufrir unha crise nerviosa no lugar do accidente.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.