A V FESTA DA PALABRA HONRA A ROSALÍA, CURROS E PONDAL NA INSUA DOS POETAS
Organizada pola Fundación Insua dos Poetas que preside Luís González
Tosar, e coa colaboración da Deputación de Ourense, o próximo sábado 20
de xullo terá lugar, na Esgueva, parroquia de Madarnás, Concello do
Carballiño, a V edición da Festa da Palabra. Nesta ocasión a Fundación
acordou homenaxear aos tres grandes poetas do noso Rexurdimento
literario: Rosalía de Castro, no 150º aniversario da publicación de
Cantares gallegos (1863), Manuel Curros Enríquez, autor de Aires da miña
terra (1880) e Eduardo Pondal, Queixumes dos pinos (1886).
Co
gallo desta celebración, colocarase na Insua unha escultura alegórica do
Rexurdimento da lingua galega, da que é autor Pedro José Rodríguez
Álvarez, ex alumno da Escola de Canteiros da Deputación de Pontevedra.
A
Fundación quere manifestar tamén, perante os medios de comunicación, o
seu agradecemento á Deputación de Pontevedra pola doazón do monumento,
sen custo de ningún tipo, que será trasladado e colocado na Insua e á
Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, ao
Concello do Carballiño e á Asociación de Veciños de Madarnás. Asimesmo,
no acto literario intervirán, entre outros escritores e personalidades
do mundo cultural, o presidente da RAG, prof. Xesús Alonso Montero, os
poetas Salvador García-Bodaño, Manuel Rivas, Víctor Campio Pereira,
Edelmiro Vázquez Naval, os artistas plásticos Antón Lamazares, Antón
Pulido, Vidal Souto, Alexandre, Nicolás González Aller, Acisclo Manzano,
Xosé Cid, Manuel Penín, o actor Rubén Riós e os presidentes das
Fundacións Rosalía de Castro, Manuel Curros Enríquez e Eduardo Pondal.
Este
acto literario, que tradicionalmente reúne a creadores e veciños das
parroquias de Madarnás (O Carballiño), Corneda, Cangues e Loureiro (O
Irixo), lévase a cabo grazas á inestimable axuda do Concello do
Carballiño, do INORDE e das empresas ourensás: Aceites Abril, Coren e
Adega Vitivinícola do Ribeiro (Viña Costeira). A actividade, que comezou
en 2009, adicóuselle en 2010 ao escultor Arturo Baltar, en 2011 ao
poeta lucense Xosé Mª Díaz Castro e, en 2012, a Celso Emilio Ferreiro.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.