TELÉFONOS DE INTERESE

26 de agosto de 2012

PROPOÑEN CORTAR O SINAL DE TVE O DIA QUE VAN EMITIR TOUROS




A plataforma 'Galicia, mellor sen touradas' propuxo hoxe a desconexión do sinal territorial de TVE para o territorio galego durante a emisión da corrida de touros do próximo 5 de setembro.

Os abolicionistas defenden que esta medida protexe o interese superior dos menores, que poden estar a ver a televisión nese momento, ao impedir que contemplen un "espectáculo de violencia explícita" en plena franxa horaria reforzada.

Esta organización, nun comunicado, apunta que a retransmisión dunha exhibición taurina en horario infantil vulnera a Lei Xeral Audiovisual, ademais da directiva 2007/65/CE, máis coñecida como "Directiva Televisión sen Fronteiras".

Así, subliña nesta nota que para "protexer o interese superior dos menores e evitar "prexuízos morais" no seu desenvolvemento psicosocial "son necesarias medidas drásticas", que "corresponden á Xunta" como institución responsable da protección do menor.


"Resulta paradoxal", puntualiza 'Galicia, mellor sen touradas', que mentres se despraza a grella de calquera contido susceptible de mostrar violencia, verbal ou física, de ficción ou documental, a partir das 22 horas, se programe unha corrida de touros, "en contra do criterio xeral" de diferentes expertos en saúde mental.

A plataforma denuncia que este tipo de contidos na televisión pública non son "un signo de liberdade, senón un acto de libertinaxe" amparado nunha "maioría absoluta" que pon nunha "bandexa de prata financiada con diñeiro público" medios como TVE ou RNE a disposición do "lobby taurino" como altofalantes de ideas e feitos, a pesar de que o rexeita" a maioría da cidadanía.

Desde 'Galicia, mellor sen touradas' declaran, neste documento remitido á prensa, o seu "respecto absoluto" cara aos profesionais que conforman o groso da corporación da radiotelevisión pública, pero defenden a idea de "apagar" a cadea durante a corrida e que a delegación na Comunidade ofreza algunha reportaxe ou contido si apto para todos os públicos.








No hay comentarios:

Publicar un comentario

NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.