Xornalismo é, escribir, publicar e transmitir o que non queren que se publique, escríbase e transmítase, o outro son "plumillas e relacións públicas da censura e a corrupción con premeditación e engano aos seus lectores".
CORES DO SALNÉS É UN BLO
G. Sobre todo crítico.

28 de junio de 2016

MANIFESTO DO CONCELLO DE CAMBADOS NO DÍA DO ORGULLO LGTBI ´16












Ao igual que fai un ano, o balcón do noso Concello vólvese a encher de cor, dignidade, alegría, loita, compañeirismo, liberdade e respecto. Volvemos a facer que este balcón se encha de orgullo, como símbolo dun Cambados aberto e plural, dun Cambados de todas e de todos.
O 28 de xuño conmemóranse en todo o mundo as revoltas de Stonewall no 1969, un acontecemento histórico que marcou o nacemento do movemento de liberación gai, lésbico, transexual, bisexual e intersexual, e que se celebra internacionalmente como o día do Orgullo LGTBI. Esta conmemoración naceu da rebelión cidadá contra a inxustiza, a discriminación, o hostigamento e a constante persecución social e policial á que se sometía a unha parte da cidadanía, dando orixe a un movemento polos dereitos civís e os dereitos sexuais en todo o mundo.
O camiño iniciado aquel 28 de xuño logrou importantes avances. Sen embargo, queda aínda moito camiño por percorrer ata alcanzar o obxectivo da igualdade plena e da convivencia na diversidade, unha causa que enriquece a toda a sociedade.
Por eso, neste 2016, declarado ano da visibilidade bisexual na diversidade, temos que facer visibles as reivindicacións do colectivo LGTBI. Esta visibilidade é máis necesaria que nunca, xa que os dereitos conquistados corren o risco de perderse, e para evitar este retroceso é necesaria unha sociedade que asuma estes dereitos non como algo que pertence só a un determinado colectivo senón como algo que é de todos e todas. Só así se rematará co rexeitamento e a discriminación á que se ven sometidas moitas persoas polo feito de vivir conforme ao seu sentir, e non conforme aos dictados dunha sociedade heteronormativa e patriarcal que castiga a quen se sae da súa norma, amparada polo silencio cómplice dunha grande parte da poboación.
Sucesos como o recente atentado perpetrado en Orlando, ante o que expresamos a nosa máis enérxica condena, son a proba de que a intolerancia todavía está moi presente. A sociedade enteira debe camiñar unida na procura dun mundo no que ninguén se sinta inseguro e perseguido. Lembramos tamén que aínda hoxe en 78 países do mundo se considera un delicto a homosexualidade, que é castigada con penas que incluso chegan á pena de morte. Por eso facemos un chamamento á comunidade internacional para que actúe de maneira enérxica e decidida para rematar con este tipo de atrocidades.
Un dos factores clave para acadar este propósito da convivencia en igualdade é a educación. Por eso denunciamos que prácticamente a metade dos adolescentes LGTBI sofren a diario acoso nos centros escolares, e que a maioría non recibiron a axuda axeitada. Debemos loitar para que os centros escolares sexan espazos seguros para o alumnado LGTBI, nos que debe existir unha formación e uns protocolos para o profesorado que permitan abordar a diversidade sexual, familiar e de xénero, facendo que a realidade LGTBI entre en positivo en tódalas escolas e institutos, así como en todos os espazos de educación e ocio, para ensinar ás novas xeracións a pluralidade do xénero humano, superando o binarismo e a visión heterocentrista.

Para que éstas reivindicacións se vexan realizadas, animámosvos a que esta cor, esta loita e esta liberdade representadas hoxe aquí non queden só neste balcón, que non queden só no 28 de xuño, senón que todas e todos axudemos a expandir este orgullo polo mundo durante todos os días do ano!








No hay comentarios:

Publicar un comentario

NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.