Xornalismo é, escribir, publicar e transmitir o que non queren que se publique, escríbase e transmítase, o outro son "plumillas e relacións públicas da censura e a corrupción con premeditación e engano aos seus lectores".
CORES DO SALNÉS É UN BLO
G. Sobre todo crítico.

29 de noviembre de 2013

INAUGUROU CULTURGAL. TRES DIAS CHEOS DE CULTURA GALEGA




Durante tres días, dende este venres 29 ata o domingo 1 de decembro, o Recinto Feiral convértese nun macroescenario de preto de 150 actividades de carácter cultural. Desenvólvese a sexta edición da Feira das Industrias Culturais, Culturgal, o espazo de exhibición de todo o que se move nas empresas culturais galegas.
Xulio Amigo, presidente do Culturgal, indicou durante a inauguración á que asistiron, entre outras autoridades, o conselleiro de Educación e Cultura, Xesús Vázquez, e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que "esta Feira debe ampliar e intensificar a relación co público e atraer visitas de lugares máis distantes".

Nesta ocasión, unha das novidades céntrase na busca de implicación por parte do público. Como en todas as edicións anteriores, a entrada é libre pero existe a posibilidade de converterse en asistente colaborador achegando unha entrada voluntaria por un prezo de 3 euros que proporciona unha chapa que distingue a estes patrocinadores individuais.
Setenta empresas danse cita no evento deste ano e ofrecen diferentes propostas relacionadas coa lectura, a música, artes plásticas ou audiovisuais.

SAE A CONCURSO XESTIÓN DAS POUSADAS DO SALNÉS






O goberno provincial aprobou este venres o concurso para a explotación privada das catro Pousadas do Salnés: A Lanzada (O Grove), Armenteira (Meis), Ribadumia e Meaño, segundo confirmou o presidente da Deputación, Rafael Louzán. Así mesmo, o pleno da Corporación Provincial acordou incluír no inventario de bens da Deputación os catro centros que forman parte deste proxecto, cun valor patrimonial de 15 millóns de euros.
Numerosas empresas interesáronse neste conxunto para xestionar conxuntamente duascentas prazas hoteleiras, todas elas adaptadas para persoas con discapacidade e cunha categoría mínima de catro estrelas. Adxudicaranse a unha mesma empresa co fin de que se ofrezan uns servizos homoxéneos.
O concurso prevese publicar no Boletín Oficial da Provincia a semana que vén, a partir da súa publicación establécese un prazo de presentación de propostas de sesenta días. A adxudicación realizarase por un período que oscilará entre os 10 e os 20 anos.

As Pousadas están dirixidas especialmente a un turismo que adoita ter poucas posibilidades de viaxar en grupo. Non obstante este é un "nicho de mercado" moi amplo. Segundo os datos ofrecidos pola Deputación, en España hai uns tres millóns de persoas con limitacións físicas.
As empresas interesadas en asumir a xestión das Pousadas deberán cumprir unha serie de requisitos como a contratación de persoal con discapacidades, ou que compatibilicen os usos hostaleiros cos formativos.
Neste sentido haberá un vinculo claro coa Escola Comarcal de Hostalaría que vai continuar na Lanzada os próximos anos.

As catro pousadas do Salnés foron financiadas grazas a un convenio aprobado polo Fondo de Desenvolvemento Rexional (Feder) da Unión Europea, por un importe que rolda os nove millóns de euros e tamén polos concellos pertencentes a Mancomunidade do Salnés. Inclúen outras melloras como a recuperación da Ruta da Auga e da Pedra ou a escavación dos depósitos arqueolóxicos da Lanzada e de Monte do Castro.


CATALINA GONZÁLEZ DECLAROU DURANTE 4 HORAS NO XULGADO DE CAMBADOS





A Alcaldesa de Sanxenxo, Catalina González, prestou esta mañá declaración durante case catro horas no Xulgado de Cambados polo suposta trama de corrupción urbanística nese Concello. A rexedora de Sanxenxo  amosouse confiada con que a xustiza lle dará a razón.

Seguen as declaracións no xulgado de Cambados pola presunta trama de corrupción urbanística de Sanxenxo; relativa á construcción de chalés en Dorrón, Bascuas e un bloque de edificios na rúa Progreso. Este venres foi a quenda de declaración da actual rexedora sanxenxina. Catalina González entraba no xulgado ás 9 da mañá e permaneceu durante case tres horas declarando ante o xuíz. Á saída do mesmo non quixo afondar sobre o contido da súa declación. Catalina González afirmou contundente que estaba confiada na súa inocencia. Malia a presión mediática desta mañá a Alcaldesa de Sanxenxo asegurou que está a sobrelevar a situación. As declaracións sobre este caso comezaron o pasado martes co exedil de urbanismo, Ángel Casal ó que se lle acusa de prevaricación na construcción dos chalés. 

Onte era a secretaria xeral de Urbanismo durante o mandato de Telmo Martín, Encarnación Rivas, a que prestaba declaración durante gran parte da mañá, acusada dun delicto de prevaricación urbanística, que podería dar lugar a un delicto de cohecho. Os que si non pasaron por este xulgado foron o exarquitecto municipal e a exasesora xurídica da Xerencia de urbanismo sanxenxino, ámbolos dous imputados por prevaricación, cohecho e tráfico de influencias. Desde a Xunta de Galicia, o propio Presidente amosou o seu respaldo a Encarnación Rivas e asegurou estar moi atento a este caso.



PRESENTADO O PROXECTO PARA O POMBAL NA WEB DO CONCELLO





A páxina web do Concello de Cambados ven de confirmar as declaracións do Alcalde Luis Aragunde sobre a "remodelación" do campo de fútbol do Pombal.
Entrecomillamos remodelación pois no escrito como veredes no escrito non hai datas nin o custe das inversións polo que polo de agora queda nun proxecto.

Do mantemento e limpeza das instalacións non se di nada.
Tras unha xuntanza do alcalde, Luis Aragunde, co presidente da Deputación, Rafael Louzán, técnicos da institución provincial e do Concello están concretando as fórmulas de actuación que se van implementar para a renovación do céspede artificial no primeiro campo de fútbol de O Pombal.

Esta instalación deportiva de herba sintética leva máis de unha década sendo utilizada polos equipos de fútbol base do Club Juventud Cambados, así como por outros planteis de afeccionados e veteranos, e xa sufriu un notable deterioro que aconsella a súa sustitución por outro material de última xeración.  
Ademáis da renovación da deteriorada superficie, no proxecto incluirase o reforzamento e ampliación do valado perimetral metálico deste campo de fútbol, que foi o primeiro construido en Cambados con céspede artificial (2002), onde adestran e compiten benxamíns, alevíns, infantís, cadetes e xuvenís do Juventud. Posteriormente, en 2007, construiuse o segundo campo no mesmo complexo deportivo rodeado da pista de atletismo. 

Outra das actuacións inminentes en materia de infraestruturas deportivas vai ser a renovación do pavillón do Instituto Ramón Cabanillas que utiliza actualmente o club de voleibol feminino. 

O CANON DE SOGAMA APRAZADO ATA XULLO




Ante as protstas dos cidadáns e alcaldes sexan ou non do Partido Popular o conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández, e a directiva da Fegamp acordaron este venres aprazar o incremento do canon de tratamento de residuos que aplica a empresa Sogama ata o 1 de xullo de 2014.



A Xunta anticipa á Fegamp que non só habra "tasazo" de Sogama, senón que ademais haberá que incrementar a factura do tratamento do lixo
Tras unha reunión que se prolongou en torno a unha hora en San Caetano, en declaracións aos medios, o presidente da Fegamp, José Manuel Rei Varela, valorou que esta medida supón "un avance" para os municipios galegos, que non terán que asumir a subida durante os primeiros seis meses do ano que vén.

ROSA QUINTANA DEFENDE CON UÑAS E DENTES O INDEFENDIBLE






A conselleira do Mar, Rosa Quintana, comparecía nas últimas horas de onte na cámara galega para responder a unha pregunta sobre a sentenza que pechou o xuízo do maior desastre medioambiental de Galicia. Quintana declarou amosarse honrada de formar no seu momento parte dun goberno da Xunta que xestionou ‘extremadamente ben’ a catástrofe, e retou á oposición a dicir onde metería ‘o dichoso barco’.

Cando se produciu a catástrofe do Prestige, a actual conselleira do Mar, Rosa Quintana, xa formaba parte desta consellería aínda que o seu titular era Enrique López Veiga. Onte, respaldou de novo a xestión que desde a Xunta se fixo ante o naufraxio do petroleiro. Unha xestión que se fixo, segundo Quintana, ‘extremadamente ben’, e retou a todos aqueles que os criticaron e os critican aínda agora, a mollarse e dicir cara que porto dirixirían o barco. O tema saíu a colación dunha pregunta planteada polo deputado de AGE, Juan Fajardo, sobre a sentencia do Prestige. O arousán sinalou que no banco dos acusados faltaron os responsables do buque e do Goberno. Pero o máis ‘lamentable’ segundo Fajardo é que Galicia segue exposta a unha catástrofe semellante. Dato que Quintana rebateu insistindo no argumento de que Galicia, hoxe, ‘está moito máis preparada’ Instrumentos, segundo Quintana, ó servizo do Plan contra a Contaminación Mariña Accidental, ‘pioneiro en Europa’, segundo a conselleira, e que ofrece unha resposta ‘áxil e coordinada en caso de necesidade’.
 
Engadiría a conselleira que a costa está xa plenamente recuperada, e como exemplo, explicou que dende xaneiro deste ano ó pasado 12 de novemro, capturáronse na nosa comunidade 142.000 toneladas de peixe e marisco, un 20% máis que no ano da catástrofe do Prestige. Este argumento valeulle a Quintana o cualificativo de ‘indigna’ por parte do deputado de AGE, que dou a entender que coas súas palabras, a conselleira parecía dicir que o naufraxio do petroleiro fora bo ‘para as capturas nas nosas rías’. Tamén desde o PSOE José Ramón Val lamentou que só se tivera xulgado a tres persoas neste procedemento, e non ‘ós verdadeiros culpables’, e acusou á Xunta de recorrer a sentencia ‘a última hora’ pola presión cidadá e nun intento de ‘lavar a cara’. O vicepresidente Alfonso Rueda tomou entón a palabra para replicar que o goberno galego reclama porque non está de acordo con que non haxa responsable ningún dos danos medioambientais, e lamentou que a oposición insistira en facer un xuízo político paralelo da catástrofe.



A CARA DURA DE NÚÑEZ FEIJÓO





 Onte xoves o Instituto Galego de Estatística facía públicos os datos do número de traballadores en Galicia e, os datos, non eran nada optimista. Entre setembro de 2012 e setembro de 2013 reduciuse o número total de traballadores en 38.351, un 4% máis.
 
Pero, para o presidente da Xunta este dato non é indicativo da situación real do emprego en Galicia. "Os datos de poboación activa depende das xubilacións e unha cousa é a poboación activa e outra os parados", dixo ao ser preguntado por esta cuestión.

As contas de Feijóo

Dixo varias veces que en Galicia só medrou o número de parados nun ano en 438 persoas. "Eses son os datos reais. Se vostede quere mesturar poboación activa dun día con poboación activa de outro pois entón temos que restarlle todas as persoas que se xubilaron nos últimos doce meses", apuntou.
 
Sen embargo, o presidente da Xunta, non contou que eses datos tampouco contabilizan o número de galegos que emigraron no último ano, nin tampouco, o número de empregos que non se cubriron por baixas ou xubilacións de traballadores.



A FESTA DA VIEIRA DECLARADA FESTA DE INTERESE TURÍSTICO DE GALICIA






A Consellería da Presidencia, Administracións Públicas e Xusticia no Consello de Governo de onte  acordou declarar Festa de Galicia de Interese Turístico tres novas festas e que son a Feira Franca de Betanzos, a Festa da Anguía e Mostra da Caña do País de Valga e a Festa de Vieira de Cambados.

28 de noviembre de 2013

MANIFESTACIÓN DE "NUNCA MÁIS" ESTE DOMINGO 1 DE DECEMBRO






A plataforma cidadá Nunca Máis volverá á rúa este domingo 1 de decembro. Tras coñecerse a sentenza do Prestige o colectivo xa se concentrou en varias localidades galegas o 15 de novembro. Pasadas dúas semanas, e coincidindo co 11 aniversario da gran manifestación da plataforma en Santiago de Compostela, volven convocar aos galegos a unha protesta en oito poboacións, entre elas, Pontevedra. A manifestación sairá ás 12.00 horas da Peregrina.
O portavoz de Nunca Máis en Pontevedra, Xosé Manuel Abraldes, fixo un chamamento aos pontevedreses a que se sumen esta manifestación
convocada nun momento no que "a voz de Nunca Máis é preciso que estea aí" e no que a plataforma cidadá é "o único berro de Xustiza non medio de tanta Inxustiza", como reza o cartel que convoca a protesta.
A data non foi elixida ao azar, senón en recordo daquel 1 de decembro de 2002 no que se produciu a multitudinaria protesta que desenvocaría na marea cidadá de rexeitamento ao Prestige e á marea branca de voluntarios limpando a costa galega.



A VIAXE A MARSALA EMPEZA A DAR FROITOS A LOCHO





Eulogio "Locho" Pomares concelleiro de Cambados empeza a ver réditos do seu traballo en Marsala como representante de Cambados na fallida elección do noso concello como Cidade Europea do Viño 2014. Tras a non elección de Cambados o gran concelleiro presumía de quedar segundos detrás Jerez nun tuit na conta da sua adega, para darse publicidade. 
Pois ben, agora foi elixida como única adega do Salnés no Viñeirón 2013 queorganiza a Xunta de Galicia.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria contribúe á promoción e difusión da cultura do viño fomentando o encontro entre profesionais e empresas de calidade no ‘Viñerón 2013’, feira vitivinícola que reunirá este sábado no Gaiás aos vinte mellores viticultores da vangarda europea.

Tras o éxito da primeira edición, que conseguiu congregar a máis de 300 asistentes, o ‘Viñerón 2013’ volverá reunir este sábado, 30 de novembro a partir das 15:00 horas, a entusiastas do viño, profesionais do sector hosteleiro, agroalimentario e turístico, así como bloggers e medios de comunicación especializados ao redor dos traballos máis destacados no mundo do viño. Un encontro de calidade que contribuirá a fomentar a cultura do viño e dar a coñecer a excelencia dos caldos que se producen en Galicia, así como das súas empresas.

Os viticultores convidados a participar no Viñerón 2013 foron seleccionados entre os que desenvolven na actualidade un traballo destacado de investigación e innovación en viticultura, variedades de uva, vinificacións, etc. Entre eles, estarán Elogio Pomares de Bodegas Zárate nas Rías Baixas e Rafael Palacios de Valdeorras como representación dos caldos galegos; Luis Seabra e Cristiano Van Zeller con viños do Douro (Portugal); Germán R. Blanco co Ribera del Duero ‘Quinta de Milú’; Nicolás Marcos de Cangas del Narcea; Gutiérrez Colosía de Jerez; ou os franceses Jean Michel Gerin (Domaine Jean Michel Gerin, Côte-Rotie) e Laurent Combier (Crozez-Hermitage).



A XUNTA DE GALICIA CONTENTA POLA MÍNIMA SUBA DO PIB GALEGO






Dende a Xunta de Galicia votan foguetes.

O produto interior bruto (PIB) galego rexistrou un incremento do 0,1% no terceiro trimestre do ano, en relación co anterior, co que a economía da comunidade sae da recesión técnica, ao rexistrar a primeira variación positiva desde o cuarto trimestre de 2011, de acordo cos datos publicados este xoves polo Instituto Galego de Estatística (IGE).

Deste xeito, Galicia encadena dous trimestres sen descensos no PIB (no segundo trimestre mantívose sen variación respecto ao primeiro), aínda que na comparación interanual, a economía rexistra unha caída do 0,9% no terceiro trimestre.

No conxunto de España, mellóraa do consumo dos fogares e das administracións públicas, así como do investimento, impulsaron a saída da economía española da recesión técnica no terceiro trimestre do ano, no que o PIB creceu un 0,1% en taxa intertrimestral, segundo o Instituto Nacional de Estatística (INE).

O organismo estatístico xa certificara que España saíu da recesión técnica no terceiro trimestre, aínda que hoxe procedeu a publicar os datos desagregados, que apuntan a un crecemento do consumo dos fogares do 0,4% entre xullo e setembro, fronte ao descenso do 0,1% experimentado no segundo trimestre.  

II XORNADAS DE EXALTACIÓN DA ZAMBURIÑA







Por segundo ano consecutivo Cambados celebrará as súas Xornadas de exaltación da Zamburiña. Un evento organizado por Zona Centro e que contará coa participación de once establecementos, que durante dúas semanas potenciarán o consumo deste bivalvo.
O alcalde Luís Aragunde e o patrón maior de Confraría de Cambados, Benito González, quixeron arroupar a Zona Centro na presentación destas II Xornadas de Exaltación da Zamburiña. Arrancarán este venres día 29 e desenvolveranse ata o día 8 de decembro. Participarán un total de once establecementos hosteleiros do municipio que porán a disposición dos clientes diferentes tapas e racións, coa zamburiña como protagonista. Tanto Luís Aragunde como Benito Gonzaléz quixeron poñer en valor este producto do que Cambados pode presumir de ser o seu gran productor. As ración colocaranse a un prezo de 5 euros e a 12 se se pide con ela una botella de albariño. En cada un dos establecementos estarán a disposición dos clientes un díptico. Se se obtén o selo en catro establecementos se pode entrar no sorteo de diferentes agasallos

27 de noviembre de 2013

LOUZÁN BUSCA CARTOS PARA AMPLIAR A COBERTURA DE "VIÑAS ATLÁNTICAS"





A Deputación de Pontevedra solicitará financiamento do programa Life da UE para unha segunda fase do proxecto Viñas Atlánticas, co obxectivo de estendelo a toda a provincia e darlles cobertura a todos os viticultores das cinco subzonas da Denominación de Orixe Rías Baixas.

Así o comunicou esta mañá o presidente da Deputación ós adegueiros da provincia, cos que se reuniu no Edificio Administrativo para mostrarlles o proxecto.
Rafael Louzán valorou "o gran éxito" do programa e incidiu na utilidade da plataforma, creada no marco de Viñas Atlánticas, á hora de minimizar o uso de produtos fitosanitarios, algo que reporta uns notables aforros económicos e ambientais.
Afirmou que o obxectivo é que este proxecto, agora circunscrito á zona do Salnés e Soutomaior (aínda que conta cun perfil con certas utilidades para o público en xeral) e desenvolvido pola Deputación da man das cooperativas Paco & Lola, Condes de Albarei e Martín Códax, "se abra a aqueles que non están nas tres cooperativas, para que calquera viticultor se poida adherir a este sistema".


OUTRO CASO DE CHULERÍA DUN ALCALDE E UNHA DEMISIÓN POR EXPLICAR





O vicepresidente da Xunta Alfonso Rueda debe explicar as razóns polas que dimite o que ata agora era a súa man dereita e si esta garda relación co papel da Xunta no conflito do alcalde de Palas coa Secretaria municipal 
O demitido N. Uzal
O portavoz do Grupo Parlamentario Socialista, José Luis Méndez Romeu, ven de pedir a comparecencia en Pleno do Vicepresidente e Conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda, para dar conta da dimisión do Director Xeral de Administración Local, Norberto Uzal, e explicar si esta garda relación co procedemento sancionador contra a Secretaria do municipio lugués de Palas de Rei e que aínda non se puido reincorporar ao seu posto de traballo pese ao fallo ao seu favor do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) e o recurso da Delegación do Goberno á sanción imposta á funcionaria habilitada do Estado. 


Alcalde de Palas
O Goberno de Palas, do PP,  abriu no seu día un expediente á secretaria municipal, María Celia González, decidindo ademais apartala do seu posto de traballo. O recurso da empregada obtivo os fallos favorables á súa reincorporación tanto no xulgado de Lugo, como posteriormente no TSXG, o pasado mes de outubro. En paralelo, a Delegación do Goberno esixiu a intervención do avogado do Estado ao considerar que o concello exercera competencias do Goberno de España á que pertence a funcionaria. 
Non repoñer no seu posto a funcionaria o alcalde de Palas está a cometer, presuntamente, un delito, e que de seguir na sua teima terá que indemnizar a funcionaria con cartos dos veciños, non do seu peto.

O concello levantou un segundo expediente e a secretaria municipal continúa sen incorporarse ao seu posto de traballo, tendo presentado denuncia por acoso laboral. 

O Colexio de Secretarios, Interventores e Tesoureiros da Administración Local (COSITAL) remitiu no seu momento á fiscalía informes que rebelaban que na tramitación do expediente á secretaria do concello de Palas non se observaron as garantías e trámites esenciais. Tales irregularidades non só non foron corrixidas polo Director Xeral de Administración Local cesante, senón que considera o colexio profesional que foron mantidas e ampliadas por este. 
Os socialistas consideran necesario que o titular de Presidencia dea explicacións dos motivos que lle levan a admitir a dimisión do que se consideraba era a man dereita do conselleiro, así como a relación de tal cese ou dimisión co acontecido en Palas. O conselleiro Rueda terá tamén que dar explicación pola aparente deixación de funcións que denunciou o COSITAL.

44 CENTROS PARTICIPARÁN NA INICIATIVA PARA O IMPULSO DE ACTITUDES DE COLABORACIÓN E SOLIDARIEDADE A TRAVÉS DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES




SO UN CENTRO DA NOSA COMARCA


So o C.E.I.P. Julio Camba de Vilanova de Arousa dun total de 44 centros educativos das catro provincias galegas participará este curso na nova iniciativa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para recoñecer e impulsar as actitudes de colaboración e solidariedade entre o alumnado galego a través das bibliotecas escolares. Enmarcado no Plan LÍA 2010/2015 de Bibliotecas Escolares para a Lectura, a Información e a Aprendizaxe, este programa ‘Voluntariado de Lectura-A’, converte a Galicia en Comunidade Autónoma pioneira na creación dunha iniciativa para recoñecer o voluntariado de lectura do alumnado desde o ensino en primaria.

A relación de centros inscritos nesta iniciativa pódese consultar no portal educativo da Xunta de Galicia, no enlace web:http://www.edu.xunta.es/web/node/11190 .
O obxectivo desta iniciativa é estimular o voluntariado cultural en relación coa lectura, o que poderá concretarse a través da colaboración do alumnado nas diferentes actividades desenvolvidas na biblioteca escolar ou a través de actividades de lectura compartida organizadas pola biblioteca, dentro ou fóra do centro, nas que poderán participar, así mesmo, outros sectores da comunidade educativa. Este labor poderá encadrarse nalgunha ou en varias das tres modalidades desta primeira convocatoria: ‘Colaboración coa biblioteca escolar’, ‘Ler con...D’, e ‘Ler con...F’.
De entre o total de 44 participantes en toda Galicia, ao remate do curso seleccionaranse 4 centros – un de cada provincia- cuxos estudantes e profesores implicados compartirán as súas experiencias nunha xornadas de convivencia, no marco das que asistirán a diversos obradoiros, nos que se incidirá nos valores do voluntariado e nas posibilidades do voluntariado cultural. Ademais, abordaranse aspectos relacionados co cooperativismo, os xogos tradicionais, a lectura expresiva, a narración oral, o uso saudable das redes sociais. As nenas e nenos participantes tamén terán ocasión de presentar as actividades de voluntariado de lectura que levaron a cabo durante o curso ao resto de asistentes, e realizarán visitas a bibliotecas e outras institucións culturais do entorno do Centro Residencial Docente da Coruña, onde se celebrarán as xornadas.

Dinamización da lectura dentro e fóra do centro
A primeira convocatoria de ‘Voluntariado de Lectura-A’ ten tres modalidades. Así, ‘Colaboración coa biblioteca escolar’, vai dirixido ao alumnado que forme parte do equipo de colaboradores que xunto co profesorado, e baixo a súa supervisión, contribúen ao bo funcionamento da biblioteca do centro. Nesta modalidade participan 41 centros educativos seleccionados.
As outras dúas modalidades refírense ás actividades de lecturas compartidas. En concreto, ‘Ler con... D’ (Lecturas compartidas dentro do centro) vai dirixido aos participantes que desenvolvan actividades de acompañamento na lectura a outros compañeiros ou compañeiras, dentro ou fóra do horario lectivo (as denominadas “apadriñamentos lectores”, ou outras). En total serán 34 centros os que desenvolvan esta segunda modalidade, podendo desenvolver algunha das outras dúas.

No caso de ‘Ler con... F’ (Lecturas compartidas fóra do centro), comprende as actividades de acompañamento na lectura realizadas fóra do centro, tanto con outros nenos e nenas de escolas infantís, outros colexios, biblioteca pública ou institucións do concello; como con anciáns nas residencias de maiores lectura a enfermos nos hospitais, entre outras. Tamén poderán incluírse neste apartado actividades nas que o alumnado teña unha participación activa na organización e desenvolvemento de actividades de lectura pública na parroquia, a vila ou o barrio. Serán 16 os centros que, a maiores de algunha das dúas devanditas, desenvolvan esta modalidade.



A CHULERÍA, PREPOTENCIA E ABUSO DE PODER DE LUÍS ARAGUNDE CÓSTALLE CARTOS AOS CAMBADESES






Chulería, prepotencia e abuso de poder
NOTA DE PRENSA DO B.N.G.
Hai, aproximadamente, un mes que o BNG denunciaba  a construción dun muro por parte do Concello de Cambados, en Sartaxes ( Castrelo). O valo  era construído  en plena praia, nun espazo natural protexido, sen permiso nin de Costas nin de Medio Ambiente. Nun caso como este, resulta difícil de entender como un concello que conta ata con “asesor xurídico”, incumpre conscientemente a lei.

O feito é totalmente criticable, non soamente, polo mal exemplo que o concello está a dar aos cidadáns, ademais, cando a estes se lle esixen todo tipo de permisos, senón porque este tipo de “alegrías” do PP,  estanlle a custar cartos aos veciños e veciñas de Cambados. O valo foi retirado, a pesar de que Luís Aragunde respondeu  oficialmente (en pleno) que os permisos estaban “solicitados e en curso” (aínda que non sabemos se as solicitudes seguían sendo “verbais” como ao inicio das obras). A realidade dinos que comprar pedra, colocala na praia e retirala non sae gratis, sendo  a conclusión,  que os erros do alcalde de Cambados os pagamos, en euros, todos e todas, algo bastante inxusto, sobre todo cando estamos a falar de que máis ca un erro, o feito foi unha estupidez ou unha chulería (o BNG inclínase máis polo segundo).
A cuestión prioritaria neste caso é, porque o PP de Cambados está disposto a saltarse a lei sen ningún tipo de preocupación. Xa o fixo no “Pinal de Maza”,  onde non lle preocupou o máis mínimo saltarse a lei para  protexer os  intereses  dos “amigos”. Un caso onde, ademais, puidemos comprobar como ante o PP de Cambados todas as consellerías e departamentos da Xunta implicados (Delegación da Consellería do Medio Rural, Comisión Territorial de Patrimonio Histórico de Pontevedra, Axencia de protección da Legalidade Urbanística ou á  Secretaría Xeral de Urbanismo) preferiron ollar  cara a outro lado para non toparse co seu xefe na provincia de Pontevedra.

Así pois, está claro, que a razón pola que o PP de Cambados actúa con total impunidade nestes casos é fácil de comprender, pois saben que detrás das súas “chulerías” está o apoio do señor Delegado Territorial da Xunta de Galiza. Queda demostrado que non estamos ante simples  erros ou meteduras de pata, como se podería pensar, senón que en realidade trátase, máis ben, de casos de prepotencia, chulería ou abuso de poder, o que resulta moito máis grave, pois nunha democracia é  inaceptable esta forma de actuar.



CHARLA NO INSTITUTO CABANILLAS SOBRE DROGODEPENDENCIAS




Desde a ANPA Ramón Cabanillas en colaboración co departamento de orientación vanse organizar o vindeiro luns dia 2 de Decembro una charla para nais e país co seguinte tema a tratar

-TEMA: Identificación do consumo de drogas e qué facer si sospeitamos que o noso fillo/a as consume.

-DESTINATARIOS: Están convidados todo-los país con alumnado no centro, pero preferiblemente as nais/pais 3º,4º ESO, Bacherelato e ciclo, xa que os seus fill@s son os que están recibindo estas charlas no propio centro.

-LUGAR: 19:30 no salón de actos IES Ramón Cabanillas.

A ponente será una psicóloga do SPAD de Vilagarcia de Arousa, e o remate contestará as preguntas ou dubidas.

Dada a importancia do tema a tratar agardan contar coa presencia presencia dos pais, nais e titores dos alumnos.



26 de noviembre de 2013

"URBANISMO SANXENXO" 3 IMPUTADOS MÁIS HOXE POR PREVARICACIÓN





O Xulgado de Primeira Instancia e Instrución Número 2 de Cambados imputa prevaricación urbanística ao exarquitecto municipal e exgerente de urbanismo; á exasesora xurídica da Gerencia de Urbanismo e ao exconcejal de Urbanismo citados este martes a declarar. 
Estas tres persoas, segundo informou o xulgado, pasaron a disposición xudicial no marco das dilixencias abertas no Xulgado de Primeira Instancia a Instrución Número 2 de Cambados sobre temas urbanísticos no municipio de Sanxenxo. 

En concreto a R.V.A., exgerente de                         urbanismo e exarquitecto municipal, impútanselle inicialmente os delitos de prevaricación urbanística, cohecho e tráfico de influencias. Mentres, a A.B.L.P., exasesora xurídica da Gerencia de Urbanismo, impútanselle inicialmente os delitos de prevaricación urbanística, cohecho e tráfico de influencias. Pola súa banda, a A.C.M., exconcejal de Urbanismo, impútaselle inicialmente o delito de prevaricación urbanística.


Os dous primeiros, acolléronse ao seu dereito a non declarar, mentres que o exconcejal de Urbanismo si que prestou declaración no xulgado. 

A alcaldesa de Sanxenxo, Catalina González, atópase imputada nesta causa xunto ao exconcejal de Urbanismo Anxo C.; o arquitecto municipal; o aparejador e outros técnicos da Gerencia de Urbanismo; así como a secretaria xeral de Urbanismo da Xunta de Galicia, Encarnación Rivas, por un expediente relacionado coa súa etapa á fronte da Gerencia de Urbanismo entre 2004 e 2006, cando era alcalde Telmo Martín. En concreto, a regidora municipal de Sanxenxo foi citada a declarar no xulgado o vindeiro venres, día 29 de novembro, ás 9,00 horas.


LOUZÁN O REI MIDAS. VILABOA CONTARÁ CON UN CAMPO DE FÚTBOL NOVO






A Deputación de Pontevedra destinará preto de 450.000 € ás obras de ampliación, mellora e dotación de herba artificial no campo de fútbol de San Adrián, actualmente de terra dura. Así se recolle no convenio de colaboración que o presidente da Deputación, Rafael Louzán, asinou esta tarde co alcalde de Vilaboa, José Luis Poceiro.

O convenio establece que a Deputación investirá 442.474,48 € nestes traballos, que incluirán a remodelación do campo, coa dotación de céspede artificial de última xeración; a ampliación do terreo de xogo, para que poida marcarse como un campo de fútbol 11 e dous campos transversais de fútbol 7, co cal se gañará en funcionalidade; así como a dotación de novas instalacións e equipamentos para adecualos á normativa vixente; neste sentido, proverase do equipamento necesario, coma marcadores, porterías ou bandeirolas.
A Deputación financiará todos os gastos que derivan da obra, incluídos os de dirección da obra e os de seguridade e saúde, mentres que o Concello de Vilaboa se encargará de sufragar o custo da redacción do proxecto, así como de poñer á disposición da Administración provincial os terreos necesarios.


ROSA QUINTANA VOLVE A DESACREDITAR A COVADONGA SALGADO





A conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, defendeu esta mañá no Parlamento o traballo e “a traxectoria impecable” dos profesionais do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño –Intecmar- no episodio de biotoxinas mariñas deste outono. Durante a súa comparecencia, realizada a petición propia, insistiu na valía do centro e do seu persoal, que dá estrito cumprimento ás directrices da Unión Europea en materia de controis, probas e analíticas e que “traballan sábados por defecto e domingos e festivos cando a ocasión o require”.
Todo isto despois de contradecir a directora do INTECMAR que dixera que as perdas do sector serían mínimas ou nulas ao que Quintana contestou ao dia seguinte que sí habería perdas e que hoxe corroborou.
A titular de Medio Rural e Mar fixo balance das actuacións do Intecmar durante este episodio de marea vermella. Sinalou que é o terceiro episodio serio no que vai de ano, despois dos que se produciron en abril e no verán e destacou que é “histórico pola virulencia na súa propagación”. De feito, lembrou que é a primeira vez, dende que se teñen datos e rexistros, que un episodio de biotoxinas afecta ao mesmo tempo a polígonos bateeiros e a zonas marisqueiras. Isto implica que tamén por primeira vez fose necesario pechar simultaneamente polígonos bateeiros e zonas marisqueiras cando o normal é que a toxina se detecte primeiro no mexillón e que pasen semanas antes de que chegue -se é que chega- aos bancos marisqueiros.

Actuación
Rosa Quintana explicou que, no momento no que se comezaron a detectar os primeiros resultados que reflectían o aumento na auga da microalga que causa a marea vermella, o Intecmar incrementou a frecuencia das mostraxes. En canto os controis permitiron constatar niveis de peche en certos polígonos, o Intecmar procedeu de inmediato ao seu peche.
Ademais, lembrou a conselleira, no momento no que se tivo constancia de que o episodio estaba a ser “especialmente virulento e sumamente veloz na súa propagación”, procedeuse a pechar de xeito cautelar -antes de ter resultados definitivos- aqueles polígonos e zonas marisqueiras que se prevía que podían estar afectados pola marea vermella. Este peche preventivo realizouse incluso a pesar de que as últimas análises nestes polígonos deran resultados negativos, puntualizou. Isto demostra que o Intecmar “tomou a dianteira” pois, engadiu a conselleira, procedeu a realizar un peche xeralizado ata 48 horas antes de que se producira o peche efectivo. Esta anticipación evitou que o produto chegara ao consumidor.
O procedemento implicou que algúns produtores se viran obrigados a devolver ao mar a mercadoría que estaba en proceso de comercialización. En concreto e dun xeito “extremadamente áxil” autorizáronse para devolver máis de 365.000 quilos, a maioría sen causar perdas. Neste sentido, a titular de Medio Rural e Mar puntualizou que, aínda que os episodios de biotoxinas non adoitan conlevar perdas para os produtores, neste caso, debido á extremada virulencia do episodio, “é posible que nas primeiras horas se produciran perdas”. Unhas perdas pendentes de cuantificar por parte do sector e polas que a Xunta se interesou dende o primeiro momento mantendo varias reunións cos afectados, destacou Rosa Quintana.

Ademais a Consellería do Medio Rural e do Mar autorizou medidas excepcionais, entre elas o incremento de 100 cordas de engorde de mexillón en cada batea das rías afectadas, evitando que se alterara o ciclo de produción do moluscos. Tamén redobrou esforzos coas analíticas para subdividir algúns polígonos permitindo aperturas parciais para que os bateeiros puideran traballar sempre con todas as garantías.
Engadiu que xa está preparada unha campaña publicitaria a nivel galego e nacional en favor do consumo dos productos afectados pola marea vermella.